
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a vindeiro posta en marcha do Bono Emancípate, unha iniciativa pioneira en Galicia coa que o Goberno autonómico axudará aos mozos de entre 18 e 35 anos cos primeiros gastos do seu fogar e que estará dotada de 2 millóns de euros. O prazo pasa solicitalo comezará o vindeiro 6 de febreiro e rematará o 30 de abril, segundo engadiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
A iniciativa ten por obxectivo que os mozos e mozas galegas conten cun incentivo económico á hora de independizarse, xa sexa nunha vivenda alugada ou en propiedade, para sufragar a adquisición de mobiliario ou diversos artigos como os decorativos, obxectos do baño, téxtil ou certos electrodomésticos esenciais, explicou Rueda. Tamén poderán empregar a axuda en gastos que teñan que ver con xestoría e notaría ou derivados dos servizos de transporte de mudanza.
Deste xeito, tal e como resaltou o conselleiro trátase dunha liña de apoio complementaria a outras que teñen que ver co prezo de compra dun inmoble ou a renda do alugamento. No caso de vivir como arrendatarias, as persoas que resulten beneficiarias recibirán 1.500 para empregar na tipoloxía de gastos xa mencionados, mentres que as que soliciten a axuda tendo adquirida a súa propiedade a contía será de 3.000.
Unha medida que se enmarca na aposta da Xunta por facilitar o acceso a vivenda a xente nova e apoialos a dar o paso de independizarse ao botar unha man cos primeiros gastos que se unen ao actual prezo da vivenda, indicou Rueda. É unha iniciativa pioneira a nivel estatal xa que Galicia é a primeira comunidade en poñer en marcha unha axuda deste tipo, indicou López Campos, quen asegurou que con ela se busca un futuro mellor para a nosa mocidade e para Galicia.
Ao Bono Emancípate poden acceder, dentro da franxa de idade indicada, as persoas que cumpran algúns requisitos como ter, polo menos, unha fonte regular de ingresos, posuír a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, ou estar empadroadas na vivenda na que van permanecer, entre outras cuestións. Poderán solicitalas aqueles mozos con contrato en vigor desde o 31 de maio de 2024 e cunha duración mínima dun ano.
Solicitudes e tarxeta virtual
A orde de convocatoria en concorrencia non competitiva sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia e, tras uns días para dar a coñecer a iniciativa, abrirase o 6 de febreiro, o prazo de solicitudes. Presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 30 de abril de 2025, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.
Unha vez concedidas e comunicadas as axudas, faranse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual que se expedirá a nome da persoa beneficiaria e non poderá ser usada máis alá do 31 de decembro de 2025. Ademais, as compras que se realicen con esta tarxeta deberán facerse en comercios especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías que teñan establecemento aberto en Galicia e non se poderá utilizar en compras a distancia.
Emancipación da mocidade
Coa posta en marcha do Bono Emancípate, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá resposta ás demandas da mocidade galega ante as dificultades de acceso a unha vivenda de seu que lle permita iniciar un proxecto de vida independente. Así, con esta iniciativa trátanse de complementar as políticas de vivenda que xa vén desenvolvendo a Xunta de Galicia cunha proposta diferente, dirixida a cubrir en parte os gastos que leva consigo a posta en marcha dun fogar.
Esta proposta súmase a outras de carácter transversal nas que interveñen varios departamentos da Administración autonómica como é a promoción de vivendas colaborativas para menores de 36 anos.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.