Noticias

A Xunta inicia a elaboración das directrices de ordenación do litoral, que serán o instrumento clave para garantir a xestión integral da costa

A xestión integrada do litoral require preservar a costa en beneficio das xeracións presentes e futuras e, para acadar ese obxectivo, cómpre garantir que as actividades que se van realizar na costa permitan un desenvolvemento integral desde o punto de vista ambiental, social e económico. Nesa liña, as DOL establecerán criterios xerais coherentes e precisos -que serán regulados, posteriormente, por diversos plans de ordenación- para dotar a comunidade dunha regulación coordinada e garantir a seguridade xurídica na ordenación e xestión do litoral.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o acordo do Consello para “abrir o período de consulta pública previa do anteproxecto de decreto polo que se crean as Directrices de ordenación do litoral (DOL)”, co obxectivo de compilar achegas e suxestións en relación á elaboración e contido do que será o instrumento clave para garantir a xestión integral da costa en Galicia. O trámite iniciarase nos vindeiros días e, tal e como indicou Rueda, “durante dous meses” estará aberto a todas as persoas, entidades e administracións interesadas en participar.

A xestión integrada do litoral require preservar a costa en beneficio das xeracións presentes e futuras e, para acadar ese obxectivo, cómpre garantir que as actividades que se van realizar na costa permitan un desenvolvemento integral desde o punto de vista ambiental, social e económico. Nesa liña, as DOL establecerán criterios xerais coherentes e precisos -que serán regulados, posteriormente, por diversos plans de ordenación- para dotar a comunidade dunha regulación coordinada e garantir a seguridade xurídica na ordenación e xestión do litoral.

Máis polo miúdo, segundo explicou o presidente da Xunta, estas directrices “fixarán os criterios das actividades estratéxicas que se poden realizar” nas zonas en que se divide o litoral galego, así como as que non son autorizables, co propósito de garantir o equilibrio entre a protección dos recursos naturais e dos ecosistemas co desenvolvemento económico e social.

En concreto, apuntou Rueda, conterán os criterios tanto para “identificar os espazos de interese ambiental e paisaxístico que precisen dunha maior protección, conservación e ordenación”, como para determinar as condicións para implantar as distintas actividades económicas e sociais de axentes públicos e privados que operen no litoral, como, por exemplo, “o sector hostaleiro ou a cadea mar-industria”.

A maiores, o titular do Goberno galego sinalou que tamén “fixarán as pautas para crear unha Rede de sendas do litoral” na que se garantirá unha intervención respectuosa coa paisaxe e cos hábitats. Deste xeito, aplicarase unha visión de conxunto para optimizar a súa execución e mantemento, facilitar o seu uso e aproveitar as sinerxías con outros elementos de valor natural e cultural presentes no mesmo ámbito territorial. As DOL fixarán as condicións que deben reunir as vías que conformarán esa rede, indicarán os requisitos para o acondicionamento de novos tramos e detallarán os criterios de deseño, sinalización e divulgación da rede.

Ademais, “determinarán os criterios para garantir o acceso ao mar e o estacionamento”, explicou o presidente da Xunta. Neste eido, incluirán cuestións como os aparcadoiros ao servizo das praias ou as áreas para estacionamento de autocaravanas.

No primeiro caso, as DOL definirán as condicións básicas para a localización e o deseño destes espazos co obxectivo de proporcionar seguridade xurídica aos concellos que promovan este tipo de actuacións.

No que atinxe ao estacionamento de autocaravanas, trazaranse as liñas de acción para o acondicionamento destas áreas, nas que se garantirá a convivencia con outro tipo de vehículos, se asegurará a dotación de servizos básicos e se evitará a creación de pantallas visuais que obstaculicen a contemplación das paisaxes costeiras.

As DOL tamén abordarán cuestións relativas a determinar a concentración urbana admisible no litoral; orientar as accións de renovación ou rehabilitación urbana e ampliación dos espazos públicos; identificar as accións necesarias para o seu aproveitamento racional e sustentable, así como os criterios para establecer os usos estratéxicos e prioritarios do mar para os efectos de elaborar o Plan de ordenación mariña.

Un paso clave para a xestión do litoral

Este novo instrumento será o marco xeral de referencia para o desenvolvemento das restantes ferramentas de ordenación previstas na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), así como para a formulación e a execución das distintas políticas sectoriais sobre a costa.

As determinacións contidas nas directrices de ordenación do litoral indicarán de modo inequívoco cal será o alcance de cada un dos plans que as desenvolverán, orientador ou vinculante, ou, cando sexa o caso, se terán carácter de normas de aplicación directa.

Polo tanto, a súa elaboración supón un paso decisivo para que Galicia exerza as competencias plenas e efectivas que lle atribúe o Estatuto de autonomía sobre a ordenación e a xestión do litoral e que foron ratificadas pola sentenza do Tribunal Constitucional que, en abril de 2024, avalou a Loxilga ao rexeitar 70 das 72 impugnacións presentadas polo Goberno central.

Con todo, a autorización por parte da Xunta das actividades estratéxicas que se desenvolvan no dominio público marítimo-terrestre producirase cando o Executivo central faga efectivo o traspaso á Comunidade dos medios materiais e persoais necesarios para a xestión completa do litoral. “Seguimos traballando para asumir plenamente esta competencia”, apuntou Alfonso Rueda.

Cómpre lembrar que, logo de pechar o acordo co Goberno central para a celebración da Comisión Mixta de Transferencias na que se concretará esa cuestión, a previsión é que ese traspaso se faga efectivo no primeiro trimestre de 2025. Neste sentido, Rueda informou da remisión dunha carta ao ministro de Política Territorial para urxilo a desbloquear a situación canto antes.

Visor web

A Xunta xa vén traballando no desenvolvemento da Lei do litoral. No último trimestre de 2024 constituíuse a Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral, á que lle compete a coordinación da elaboración destas directrices, así como dos instrumentos que as desenvolverán, e avanzouse, a través do seu sometemento ao procedemento de consulta pública previa, na creación do Foro do Litoral, como órgano de asesoramento.

A maiores, xa está á disposición da cidadanía, empresas e administracións un visor web a través do que se pode acceder á información cartográfica das tres zonas en que a Lei do litoral de Galicia divide a costa e coñecer tanto a área na que se localizan os terreos do seu interese como os usos permitidos.

Cómpre lembrar que coa aprobación da Loxilga, Galicia converteuse na primeira comunidade española en regular a través dunha normativa propia e integral a franxa costeira en toda a súa extensión, é dicir, tanto mar dentro como terra dentro. De feito, a través dela a Xunta xestionará algo máis de 1.600.000 hectáreas terrestres e marítimas.

Partindo da consideración da costa desde unha tripla perspectiva (social, ambiental e económica), a lei, ademais de delimitar as actuacións e usos estratéxicos que permitirán a ocupación e o asentamento da costa a través das autorizacións pertinentes, establece unha nova zonificación desta franxa, con tres grandes áreas diferenciadas en función do seu estado de conservación e necesidades particulares, ao tempo que concreta os usos permitidos e prohibidos no litoral.

R., 2025-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES