Noticias

Galicia reclama ao Goberno central unha maior colaboración e a asignación de fondos europeos para potenciar o impulso do comercio de proximidade

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse hoxe en Madrid coa secretaria de Estado de Comercio, María Amparo López Senovilla, ante a que debullou a aposta de Galicia a prol do comercio de proximidade e instou á necesidade de sumar esforzos entre as administracións, demandando que a Comunidade poida acceder a recursos Next Generation —que o Goberno reservou e non está a executar- para a materialización dos proxectos singulares dirixidos ao sector que prevé impulsar a Xunta este ano.

Unha batería de medidas que quedarán englobadas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que estará finalizado neste primeiro trimestre.

Na xuntanza, José González fixo fincapé no esforzo que está a desenvolver Galicia para garantir a competitividade e a remuda xeracional do comercio como un elemento fundamental de vertebración do territorio. Un eido que se seguirá potenciando este ano e ao que no 2024 se destinaron máis de 10,4 M€ procedentes exclusivamente de fondos propios -con medidas como os Bonos Activa Comercio e de apoio aos diferentes actores do sector-. Estas axudas, remarcou, deberían complementarse con apoios de administracións como o Goberno central. A este respecto, González subliñou que esta coordinación é clave para apoiar e potenciar de xeito eficaz o tecido comercial na Comunidade e atender as súas necesidades.

Neste marco, volveu reclamar ao Estado mellor planificación dos fondos europeos, maior axilidade na asignación e execución e unha cogobernanza real coas CCAA, tendo en conta a súa capacidade de xestión e as súas particularidades, demanda que se suma a outras xa feitas na mesma liña por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración relativas, por exemplo, ao reparto dos fondos finalistas de formación para o emprego.

Proxectos singulares de impulso do comercio

Na xuntanza de hoxe, José González puxo en valor o traballo da Xunta por avanzar, da man dos diferentes axentes do sector, en medidas para incentivar o consumo e potenciar a actividade empresarial e comercial. Mostra deste esforzo, indicou, é o xa mencionado Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Esta planificación incluirá medidas para favorecer o sector, entre elas, o impulso ás prazas e mercados de abastos para transformalos en Mercados Excelentes e convertelos en espazos xeradores de riqueza e emprego. Neste ámbito, Galicia conta cunha folla de ruta a través da que, previa diagnose, se vai determinando cales poden ter as condicións para ser mercados excelentes. A isto engadiu que a CCAA conta con anteproxectos deste tipo de actuacións en distintas localidades e que, coa colaboración entre administracións nun réxime de cofinanciamento, se podería abordar un proxecto máis ambicioso neste eido.

Accións como esta ou outras que está a desenvolver Galicia neste eido como ‘Vilas Vivas’, un proxecto que busca impulsar as cabeceiras de comarca a través de experiencias de comercio efémero, van en liña cos eixos nos que pon o foco o Goberno central na súa estratexia de política económica dos fondos Next Generation. Segundo subliñou González, acceder a estes recursos para impulsar estas medidas permitiría ao sector comercial galego afrontar con maior resiliencia os novos escenarios e retos aos que debe facer fronte para o seu desenvolvemento. Tamén favorecería apoiar con maior amplitude a promoción, impulso e mellora da produtividade desta actividade, que en Galicia ten un peso de máis do 11% no Produto Interior Bruto e que aporta arredor do 17% do emprego.

Esta reunión forma parte da rolda de contactos que está a manter o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración cos secretarios de Estado de materias relacionadas coa Consellería, como as que tiveron lugar cos secretarios de Estado de Traballo e de Migracións para defender os intereses de Galicia.

R., 2025-01-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES