
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o restablecemento completo do viaduto do Castro mellorará as conexións de Galicia coa meseta tras máis de tres anos de obras. 'Hoxe é un día moi importante para Galicia, Castela e León e toda España porque esta infraestrutura vertebra ao noso país e une dúas comunidades irmáns', salientou.
O titular do Executivo galego participou hoxe no acto de reapertura desta infraestrutura, no que tamén estiveron presentes o ministro de Transporte e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, e o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco. Rueda destacou que a posta en marcha deste treito supón unha 'boa noticia' para 'os cidadáns, os transportistas e as empresas'.
Rueda recoñeceu a complexidade dos traballos e agradeceu que o Goberno central aceptase, finalmente, as reclamacións de Galicia para que se acometese a reconstrución dos dous viadutos polo procedemento de emerxencia, toda vez que esta é unha vía vital para a conexión de Galicia que quedou relegada, durante estes anos, ao emprego dun só carril.
O presidente reflexionou tamén sobre a necesidade de empregar esta experiencia como aprendizaxe, de cara a seguir afondando nun diálogo permanente coas comunidades en materia de infraestruturas e en continuar investindo en prevención para evitar sucesos coma este. 'Temos que aprender dos erros e dos acertos. É fundamental, construír e conservar ben, é dicir, planificar as infraestruturas', indicou.
Neste sentido, salientou o compromiso da Xunta coa planificación e conservación de infraestruturas. Rueda lembrou que no 2025 se chegará a unha cifra récord de '70 millóns de euros para conservación de estradas', que a Xunta vén de 'rescatar catro autoestradas con peaxes en sombra' e que vai subir 'o mínimo' as peaxes nas autovías autonómicas, mantendo a conxelación dos anos anteriores. Deste xeito, a AG-57 e a AG-55 seguirán sendo das máis baratas de España.
Por iso, pediu ao Goberno central a mesma vontade política e, especialmente, reivindicou a necesidade de avanzar por fin no rescate e transferencia da AP-9.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.