Noticias

O deporte xerou case o 1% do PIB galego en 2022

O valor engadido bruto xerado polo sector do deporte en Galicia no ano 2022 ascendeu a máis de 620 millóns de euros, segundo a Conta Satélite do Deporte de Galicia feita hoxe pública polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este dato representa o 0,9 % do Produto Interior Bruto xerado na Comunidade autónoma nese exercicio. En termos de emprego, e segundo o mesmo estudo, o sector deportivo é responsable directo de 16.436 postos de traballo, o que representa o 1,4 % do total da economía galega. A meirande parte é asalariado, cunha remuneración próxima aos 515 millóns de euros.

A Conta Satélite do Deporte é unha actividade estatística de síntese cuxo obxectivo principal é proporcionar un sistema de medición económica do sector do deporte que permita valorar a súa importancia no conxunto da economía galega. Este proxecto xurdiu a iniciativa da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que solicitou ao IGE a cuantificación da dimensión económica do sector.

Disponse así de información da conta de produción, explotación e emprego. Tómase como referencia a Clasificación de Vilnius, restrinxíndoa aos denominados produtos e servizos característicos: aqueles que non existirían se non fose polo deporte. Na metodoloxía desta actividade detállanse os códigos CNAE-09 incluídos na definición do sector e o procedemento de estimación en cada caso.

Conta Satélite pioneira en España

Galicia é pioneira no conxunto do Estado en contar cunha Conta Satélite do Deporte, xa que esta operación estatística non existe en ningunha outra comunidade autónoma nin na Administración xeral do Estado. Esta última está a traballar nunha conta satélite propia para o conxunto do territorio español.

A comunidade galega segue así a estela comunitaria, na que as distintas institucións europeas animan os estados membros a avanzar no desenvolvemento de contas satélite do deporte que reflictan o impacto económico deste sector. A propia Unión Europea avanza tamén cara a unha conta satélite do deporte propia, cuxa publicación está prevista para 2025 no marco do Plan de Traballo da Unión Europea para o Deporte.

R., 2024-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES