Noticias

A Xunta aproba un plan para reducir agardas no eido da dependencia e a discapacidade e resolver as solicitudes en seis meses

O Consello aprobou o Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade, dotado de 90 millóns de euros, que busca entre outras cuestións reducir as esperas á hora de recibir unha prestación e garantir que ningunha persoa agarde máis de seis meses desde que presenta a solicitude e ata que se lle concede o servizo ou axuda necesaria. Nesta liña e coa finalidade de axilizar ao máximo os trámites, vaise reducir a burocracia e a partir de agora só haberá que presentar unha única solicitude na que xa haberá a información familiar e social do solicitantes para poder resolvela coa máxima celeridade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou o “Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade”, dotado de 90 millóns de euros, e que busca entre outras cuestións reducir as esperas á hora de recibir unha prestación e garantir que ningunha persoa agarde máis de seis meses desde que presenta a solicitude e ata que se lle concede o servizo ou axuda necesaria.

Nesta liña e coa finalidade de axilizar ao máximo os trámites, Rueda explicou que se “vai reducir a burocracia e a partir de agora só haberá que presentar unha única solicitude” na que xa haberá a información familiar e social do solicitantes para poder resolvela coa máxima celeridade. Ademais, porase en marcha un asistente virtual que os guiará paso a paso na presentación de solicitudes electrónicas. A isto unirase o asesoramento no procedemento dos traballadores sociais dos concellos.

Tal e como explicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o plan contará con sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, fixar un procedemento conxunto que aforre tempos e trámites, a mellora da xestión das citas, a optimización da xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.

Unificación e homologación

Outra das novidades “será a unificación dos procedementos de dependencia e discapacidade”, indicou a conselleira. Así, poderase solicitar ao mesmo tempo e cunha única cita a dependencia e a discapacidade, que tamén se valorarán e resolverán de xeito conxunto, emitíndose ao mesmo tempo o recoñecemento do grao de dependencia, a aprobación do PIA e a porcentaxe de discapacidade.

Ademais, aplicarase unha homologación de dependencia á discapacidade. As persoas con dependencia recoñecida e que xa teñan neste momento solicitada a discapacidade recibirán no mes de xaneiro a resolución do seu certificado. Deste xeito, as de grao 1 terán recoñecido un 33% de discapacidade, as de grao 2, un 66% e as de grao 3, un 100%.

Non obstante, esta homologación será aplicable tamén ás persoas dependentes unha vez soliciten o seu certificado de discapacidade.

Este plan, tal e como explicou a conselleira, tamén inclúe a mellora do sistema de citación, “a través da posta en marcha dunha plataforma automatizada a través dunha mensaxe no móbil”. O sistema de atención telefónica tamén se optimizará para consensuar coas familias as datas de valoración.

Os plans de reforzo de persoal para as valoracións, cuxa vixencia remataba agora, amplíanse ata o ano 2027. Isto supón continuar co reforzo de 107 profesionais. Ademais, en 2025 crearase unha xefatura de servizo de discapacidade nas catro provincias, o que redundará nunha mellor coordinación e planificación de todo o persoal. A isto sumarase a posta en marcha dun plan de produtividade con incentivos económicos.

Con este plan de axilización e simplificación, blindase o traballo dos servizos sociais de base, de xeito que se poidan centrar na atención directa das persoas ao ver rebaixada a carga de traballo burocrático. Este persoal ofrecerá un completo asesoramento sobre a presentación da solicitude e sobre os servizos e prestacións aos que teñen dereito, realizando o correspondente seguimento. Como novidade, poderán presentar vía electrónica a solicitude en nome da persoa solicitante.

Colaboración co Sergas

Outro dos avances que se introducirá no sistema é o establecemento dun protocolo de colaboración co Sergas, que permitirá a emisión do informe de saúde de xeito rápido e por vía electrónica.

O sétimo piar deste plan é o desenvolvemento dun programa de formación para os traballadores dos servizos de dependencia e discapacidade. Tamén para os dos centros de saúde e os dos concellos. Información sobre aspectos fundamentais como: os cambios introducidos na normativa, as actualizacións das aplicacións, as ferramentas dispoñibles para a información e asesoramento ou a presentación telemática das solicitudes.

Por último, porase en marcha unha comisión de seguimento do plan, que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral para avaliar a súa execución.

O obxectivo, tal e como resaltou Rueda, e “seguir mellorando na valoración e atención as persoas con dependencia e discapacidade”. “Este Plan é unha posta decidida e ambiciosa para seguir reducindo os tempos de espera e achegar os servizos da dependencia a máis persoas”, engadiu a conselleira.

R., 2024-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES