Noticias

A integración dos pacientes de Muface no Servizo Galego de Saúde incrementaría en case 12 días a espera cirúrxica e en máis de 4 a de consulta co especialista

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a integración dos 58.328 mutualistas de Muface existentes na comunidade no Servizo Galego de Saúde suporía 'un investimento extra de 170 millóns de euros ao día e incrementar en case 12 días a espera media para operar e en 4 días o acceso á primeira consulta co especialista'. O Consello da Xunta avaliou hoxe o informe elaborado pola Consellería de Sanidade en que se recolle o impacto que suporía a integración no sistema sanitario público dos pacientes de Muface. Tal e como indicou o presidente, incorporar a preto de 60.000 novos pacientes 'implicaría un aumento da actividade e a necesidade de incrementar recursos e persoal'.

O impacto a nivel económico estimado para o Servizo Galego de Saúde sería de 169,3 millóns de euros ao ano. Tal e como se desprende do informe, o incremento do gasto anual en atención primaria sería de 49,6 millóns de euros, de 67,9 millóns en atención hospitalaria e de 51,8 en gasto farmacéutico.

Ademais, tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a incorporación dos mutualistas ao Servizo Galego de Saúde suporía un incremento “entre un 2 e un 3% da actividade asistencial”. No caso da actividade de atención primaria terá un aumento do 2,2%, tanto en consultas de medicina familiar e comunitaria como de enfermaría, e dun 0,65% en pediatría. Concretamente, a actividade asistencial en atención primaria en preto de 540.000 consultas, entre as 221.706 consultas de enfermaría máis que habería, as 307.248 de medicina de familia, e as 10.694 de pediatría.

Isto implicaría ter que destinar 27 millóns de euros máis á medicina de atención primaria e 22,6 millóns extra a consultas e coidados de enfermaría, tendo en conta, ademais, a escaseza de médicos.

Máis cirurxías e urxencias

En canto á atención hospitalaria, en 2023 o Servizo Galego de Saúde realizou 213.612 intervencións cirúrxicas. Asumir os mutualistas de Muface suporía realizar 5.756 máis ao ano, o que implica un incremento na actividade en quirófano do 2,7%.

En consultas externas, o incremento suporía case un 2,1%, que se sumarían ás 5.767.227 consultas realizadas o ano pasado. En canto á hospitalización, habería 6.351 ingresos adicionais cunha estancia media de 7,5 días.

A repercusión económica deste incremento sería de 13,3 millóns de euros en cirurxías, 11,2 millóns en consultas externas e de 25,2 millóns en hospitalizacións.

No referente a probas de diagnóstico realizadas nos hospitais públicos galegos, o transvasamento dos mutualistas ao sistema sanitario público suporía a realización de, como mínimo, 93.027 probas máis.

O aumento previsto en radioloxía convencional sería do 3%, tendo en conta que en 2023 se realizaron máis dun millón e medio de radiografías; en ecografías, o incremento sería dun 2,6%, das 385.010 que se fixeron o ano pasado; en TAC, o incremento previsto é do 2,9%, con respecto aos 328.961 de 2023; e en resonancias magnéticas, tendo en conta as 119.943 radiografías do pasado ano, o incremento de actividade sería do 2,6%. O seu custo sería de 9,8 millóns de euros.

Tendo en conta a idade dos pacientes de Muface, o Servizo Galego de Saúde calcula que a súa incorporación á sanidade pública impactaría na lista de espera cirúrxica en 11,4 días máis con respecto á media actual. No caso da espera para primeiras consultas externas, o incremento polo aumento de poboación atendida sería de 4,3 días máis.

A Consellería de Sanidade tamén realizou unha análise da repercusión que suporía asumir os mutualistas de Muface nas urxencias dos hospitais públicos, calculándose en 23.399 o número de urxencias que se corresponderían a esta poboación. Cómpre ter en conta que en 2023 foron atendidas 1.140.340 urxencias hospitalarias, incluíndo pediatría e adultos. O incremento no gasto en urxencias hospitalarias da sanidade pública que suporía a incorporación dos mutualistas sería de 8,5 millóns de euros.

Preto de 3 M€ ao mes en receitas

No caso de que o Goberno central decidise eliminar os concertos sanitarios para mutualistas de Muface, Galicia tería que destinar 51,8 millóns de euros máis a gasto farmacéutico.

O número de prescricións anuais adicionais que habería que asumir en receitas podería superar o millón de receitas máis cada ano. Tendo en conta que o gasto medio por paciente ao mes é de 72 euros no caso de maiores de 65 anos, o incremento sería de 2,1 millóns de euros mensualmente. No caso de menores de 65, o gasto é de 10,58 euros de media ao mes, polo que o incremento está calculado en 768.000 euros cada mes. Deste xeito, o gasto anual en receitas para os novos pacientes procedentes de Muface superaría os 35 millóns de euros.

No que respecta á farmacia hospitalaria, a cifra rolda os 16,7 millóns de incremento.

A Xunta avaliou outros aspectos que se deben ter en conta, como a posible ruptura da continuidade asistencial dos pacientes, xa que tal e como explicou o conselleiro “o sistema sanitario privado non conta cunha historia clínica equiparable ao Ianus do Servizo Galego de Saúde”. Para evitar esta situación sería necesario incorporar os últimos cinco anos da historia clínica dos pacientes de Muface nos sistemas de información do Sergas.

Do total de mutualistas de Muface que actualmente elixiron un seguro privado, 10.250 persoas teñen máis de 75 anos. A media de idade destes asegurados é de 56,8 anos, mentres que a idade media de mutualistas que xa optaron polo Sergas é de 42,6 anos.

Rueda demandou “información, planificación e coordinación co Ministerio de Sanidade”. Nesta liña, o conselleiro salientou a importancia de que a posible incorporación destes mutualistas se realice “de xeito progresivo e escolanado para non colapsar algúns servizos”.

R., 2024-12-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES