Noticias

Autorizada a licitación dos Proxectos de Interese Autonómico para desenvolver solo no que construír as primeiras 15.000 vivendas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello autorizou a licitación, por importe de 2,6M€, da redacción dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de solo residencial onde construír as primeiras 15.000 vivendas en sete concellos galegos. Tal e como explicou, esta contratación enmárcase na primeira fase de execución da Estratexia Galega de Solo Residencial posta en marcha polo Goberno galego, que prevé desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres.

Estes primeiros proxectos onde se sitúa a metade do solo previsto na Estratexia desenvolveranse en ámbitos dos concellos da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Arteixo que suman 1,5 millóns de metros cadrados de superficie.

Os ámbitos foron escollidos tras os contactos mantidos pola Xunta cos concellos para identificar zonas de solo sen desenvolver para seren xestionadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Este organismo seleccionou os máis axeitados entre os propostos polos concellos e realizou os estudos de viabilidade para determinar os espazos onde actuar.

Co obxecto de "facilitar unha execución más rápida", adaptada ás necesidades e impulsada e tutelada pola Xunta, estas actuacións de desenvolvemento de solo residencial execútanse ao abeiro de Proxectos de Interese Autonómico (PIA). Cabe lembrar que, no marco das medidas extraordinarias incluídas na Lei de acompañamento aos orzamentos de 2025, o Goberno galego introduciu melloras nesta figura para axilizar estas actuacións de creación de solo residencial de promoción pública, "co fin de reducir á metade os prazos de emisión de informes autonómicos e poder simultanear as obras de urbanización e edificación dos futuros inmobles".

Aos citados solos previstos nesta licitación, súmanse os que xa están en execución. En Vigo estase a desenvolver solo para 1.600 vivendas, nos tres polígonos de ampliación de San Paio de Navia. O polígono 1 está en obras e o 2 conta xa con obra licitada.

No caso da Coruña, está en tramitación a modificación do planeamento para desenvolver solo no que se construirán 520 vivendas protexidas en Xuxán, mentres que en Ferrol hai solo dispoñible para 658 vivendas no Bertón, ademais do correspondente ás 369 vivendas agora mesmo en marcha. E, en Lugo hai solo dispoñible para 404 vivendas en Garabolos, ademais do correspondente ás 146 en execución.

Ademais, a Xunta ten nestes momentos en estudo outros ámbitos nas áreas urbanas das sete grandes cidades galegas e noutros concellos das súas contornas, nos que se concentra a maior parte da demanda de vivenda protexida, para continuar a licitación dos seus proxectos.

Estratexia Galega de Solo Residencial

A Estratexia Galega de Solo Residencial desenvolverase en dúas fases. Na actual primeira fase, que abranguerá ata 2028, abordarase a planificación, a adquisición de solo, a redacción de proxectos e os acordos con concellos, mentres que na segunda, a partir dese ano, se procederá á execución das obras de urbanización, a comercialización das parcelas e a execución das edificacións.

Esta estratexia únese ao compromiso da Xunta para duplicar ao longo desta lexislatura o parque público residencial, para pasar das actuais 4.000 ás 8.000 vivendas. Neste momento, xa ten en marcha máis de 1.600.

R., 2024-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES