Noticias

Galicia envía a douscentos profesionais, case un cento de vehículos e diverso material de emerxencias en apoio ás persoas afectadas pola catástrofe en Valencia

O Consello da Xunta avaliou na xuntanza de hoxe o continxente de profesionais e medios de emerxencias coordinados polo Goberno galego en resposta ao chamamento feito pola Comunidade Valenciana para o apoio ás persoas afectadas pola catástrofe natural. Trátase de douscentos técnicos de distintos departamentos autonómicos e de administracións locais, xunto con case un cento de vehículos e diverso material de emerxencias. Tal e como salientou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, “todas as administracións estamos remando a unha en Galicia para ofrecer os medios que nos son requiridos”.

Do mesmo xeito, Rueda agradeceu “a solidariedade de todos os galegos e o seu compromiso amosado estes días”, referíndose tanto a cidadáns anónimos como aos profesionais das emerxencias e do traballo neste tipo de situacións que “voluntariamente se ofreceron para botar unha man e axudar nuns momentos no que a súa axuda é especialmente necesaria”.

Así, o primeiro continxente, que xa está en Valencia, está integrado por case un cento de profesionais. Trátase de seis efectivos do Grupo Operativo de Actividade Subacuática da Policía Autonómica e outros sete do Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (GALI) e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, xunto con 60 da Consellería do Medio Rural, entre os que figuran bombeiros forestais, condutores, axentes ambientais e un posto de mando avanzado con técnicos, entre outros. A maiores, mobilizáronse cinco membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Mos (GES) e dous voluntarios de Protección Civil do Rosal.

En canto aos medios materiais, enviáronse 20 vehículos todoterreo, cinco furgonetas, sete motobombas, un bulldozer, un tractor, un remolque, dúas nodrizas, unha balsa pneumática e unha kayak de salvamento, entre outros vehículos. A maiores, puxéronse á disposición material de salvamento e socorrismo, equipamento de primeiros auxilios, equipos de mergullo, drons, bombas de achique, equipos de iluminación e mangueiras, entre outros.

A saída dos diferentes integrantes fíxose onte á noite desde diferentes puntos de Galicia, para xuntarse na localidade zamorana de Benavente e dirixirse así cara a Valencia.

Segundo continxente

Nesta mañá o Goberno galego coordinou un segundo envío conformado por outro cento de profesionais dos bombeiros municipais da Coruña, de Santiago de Compostela, de Lugo, de Ferrol e Vigo e do Consorcio de Bombeiros de Pontevedra, ademais dos GES de Ponteareas, da Mancomunidade Terra de Celanova e Padrón, e voluntarios de Protección Civil de Verín, Boiro, Mazaricos, Carballo Tui, Muxía, Val do Dubra, Moraña, Cuntis, Portas, Ferrol, Vilalba e Viveiro. Sumouse ademais a unidade de cans de salvamento (Casaga) e un equipo do Concello de Cambados.

O material mobilizado por este segundo continxente suma unha vintena de todoterreos e pickups, catro furgonetas, tres motobombas e sete remolques entre outros vehículos, e numeroso material de apoio como bombas de achique, equipos de excarceración, drons, material de rescate acuático e altura, xeradores e tendas de emerxencias.

Os envíos enmárcanse no labor de coordinación impulsado pola Xunta o pasado sábado, tras a petición de novos medios por parte da Comunidade Valenciana en apoio ás persoas afectadas pola DINA. Así, nesa xornada reuníanse a través dunha videoconferencia o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xunto con representantes da Delegación do Goberno en Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e das catro deputacións provinciais, así como responsables de servizos provinciais e municipais de emerxencias de Galicia.

Na xuntanza acordouse que a Xunta centralice e coordine o envío de profesionais e medios de emerxencias que se envíen desde Galicia e que sexan requiridos desde o Centro de Coordinación de Emerxencias da Generalitat valenciana. Estase a efectuar a través do 112 Galicia onde as distintas administracións e organismos comunicaron os seus medios dispoñibles. Estes datos trasládanselles á Comunidade Valenciana e ao Centro Nacional de Seguimento e Coordinación de Emerxencias (CENEM).

Os medios enviados onte xa se están na zona á disposición dos responsables da emerxencia para afrontar todas aquelas tarefas para que sexan mobilizados e restablecer, entre outras accións, a comunicación como está a demandar a Comunidade Valenciana para facilitar así a chegada dos servizos de emerxencias.

Cómpre lembrar que a Xunta xa enviou a semana pasada a Valencia o helicóptero Pesca 1 de Gardacostas de Galicia para participar nos operativos de busca e rescate de persoas en zonas afectadas pola DINA, e formou parte de dous dispositivos nos que non se localizou a ninguén.

Desde a Xunta séguese a disposición da Comunidade Valenciana nos medios que demande para colaborar nas tarefas que os centros de mando da autonomía soliciten.

R., 2024-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES