
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentaron este mércores a segunda edición de Música con V de Vigo (Musicav 2024) xunto á vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, e os directores artísticos do evento, Javier Ferreiro e Rosanna Ojea.
A representante autonómica destacou o apoio do Goberno galego a un ciclo de música que pretende democratizar a música clásica e o jazz na cidade. Quero agradecer o traballo dos organizadores polos esforzos que realizaron para chegar a todos os públicos e por presentar unha escenificación moi coidada, sen deixar nada ao azar, estou segura e desexo que sexa de novo un éxito, sinalou Ortiz.
Pola súa banda, Anxo Lorenzo apuntou que as administracións temos que impulsar a cultura e outras veces apoiar, como agora desde Vitruvia, que leva desde 2015 facendo un traballo encomiable, para dar un paso máis e proxectarse hacia fóra. O director xeral engadiu que a clásica e o jazz son minoritarios, pero teñen público e o comprobamos coas programacións que hai en Vigo.
Programación no Teatro Afundación
O Teatro García Barbón-Afundación acollerá o ciclo organizado por Vitruvia para o vindeiro mes de novembro (días 5, 6, 12 e 13) no que destaca a calidade da música e dos seus intérpretes. A apertura dos concertos correrá a cargo de Corrente do Golfo, enmarcado no world-jazz de orixe ibérica, que fusionará a cultura galega, española e cubana a través do produtor Alberto Conde e a cantante cubana Diana Darín.
O mércores 6 de novembro será a quenda da música clásica co concerto De Bach a Glass da man da xove intérprete viguesa Paula Diz, acompañada do pianista Iván Fernández, a soprano Beatriz Riobó, o tenor alemán Ralf Glasz e a pianista lituana Rasa Biveiniene. O día 12 actuará o trío liderado por Alfonso Medela e o ciclo finalizará o 13 de novembro coa proxección da película O maquinista da xeral, de Buster Keaton, con música a cargo da agrupación Caspervek.
Apoio da Xunta de Galicia
Javier Ferreiro destacou o apoio do Goberno galego e o a súa aposta pola cultura e por rexenerar o público con música que sen as administracións sería imposible programar, O responsable de Vitruvia sinalou que o ciclo serve para dar visibilidade a grandísimos talentos de Galicia que tocan en todo o mundo e tamén para atraer aos mellores músicos con catro concertos variados, dirixidos e pensados para que o público goce.
Rosanna Ojea, directora artística, destacou o traballo feito desde hai dez anos, con máis de 600 concertos, como a semente do ciclo Musicav. Chegamos a esta segunda edición para abrir a cultura, a clásica e o jazz ao público, temos ante todo un obxectivo de labor de benestar persoal e social, unindo arte, ocio e cultura, engadiu.
Are More e Imaxina Sons
Por último, Luisa Sánchez, destacou que a programación permite á cidade de Vigo ofertar música para os amantes do jazz. Pode que sexa un público minoritario pero ten unha fidelidade importante e convértese nunha alternativa aos festivais, especialmente tras a perda de citas como o Are More ou Imaxina Sons, sinalou.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.