Noticias

O ciclo 'Ópticas contemporáneas' transforma o coñecemento científico en experiencia musical co concerto 'Mudar a pel'

A segunda cita de Ópticas contemporáneas, o ciclo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, propón ao público unha experiencia sonora e visual que reflexiona sobre cuestións actuais abordadas pola antropoloxía e as ciencias sociais. A saúde mental, a degradación do medio ambiente, as desigualdades extremas ou as violencias son algúns dos temas que traslada desde o coñecemento científico á práctica artística a orixinal proposta multimedia Mudar a pel, o venres 18 de outubro, ás 20,00 horas, no Museo Gaiás. Mudar a pel é resultado da primeira residencia de investigación e experimentación artística impulsada polo Instituto de Ciencias do Patrimonio e a Xunta de Galicia.

O proxecto xestouse a finais do ano pasado dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás coa profesora e investigadora da Universidade do País Vasco, Mari Luz Esteban, o musicólogo e gaiteiro Llorián García e o historiador e artista sonoro Andrés Rodrigues, coordinados polo investigador do Incipit-CSIC, Íñigo Sánchez-Fuarros.

Textos de filosofía, ensaio, artigos científicos e literarios de autores e autoras contemporáneas como Susan Sontag, Emily Dickinson, Adriana Cavarero, Claes Anderson ou Flora Fong entrelázanse coas paisaxes sonoras e os audiovisuais da peza, nos que destaca tamén a colaboración da bailarina e coreógrafa galega Sabela Domínguez. O conxunto forma un novo tecido sensorial a través do que volver a sentir e repensar o xeito no que o ser humano se relaciona entre si e coa súa contorna.

Aínda que as entradas para Mudar a pel están esgotadas, as familias que asistan aínda poden reservar praza no obradoiro infantil gratuíto que decorrerá en paralelo ao concerto co fin de favorecer a conciliación. As reservas pódense facer a través de Ataquilla ou no despacho de billetes do Museo Gaiás.

R., 2024-10-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES