
As actividades darán comezo este luns próximo e prolongaranse ata o sábado 19 e estarán distribuídas por distintos puntos da cidade, sendo de carácter gratuíto e abertas ata completar aforo, sen necesidade de inscrición previa.
Todos os camiños de Sant (IA) go
O luns 14 de outubro, a Casa das Máquinas (Galeras) acollerá a apertura da 'Semana da cidadanIA' cunha serie de charlas divulgativas impartidas por persoal investigador do CiTIUS, que abordarán o impacto da intelixencia artificial na vida cotiá. As persoas que asistan a este encontro poderán descubrir, por exemplo, de que maneira os robots sociais interactúan de xeito natural cos seres humanos, como a intelixencia artificial se integrou nos chips ou en que forma as tecnoloxías lingüísticas permiten que as máquinas entendan e utilicen o galego. Ademais, falarase das aplicacións da IA no campo da medicina (como por exemplo, a monitorización clínica) e exploraranse as posibilidades da realidade virtual en campos tan fascinantes como a nanociencia ou o alivio de experiencias próximas á morte.
O mércores 16 de outubro, no Café Bar Alborada de Veiga, o persoal investigador do CiTIUS ofrecerá un ciclo de charlas informais e divulgativas sobre temas tan actuais como o uso da intelixencia artificial para crear imaxes ou contido de maneira automática (IA xerativa) ou a representación de escenas en 3D usando tecnoloxías avanzadas. Ademais, reflexionarase sobre os modelos matemáticos que nos axudan a entender como se propagan certas ideas ou fenómenos na sociedade, relacionándoos así mesmo co método científico.
O xoves 17, o Auditorio do CGAC será o escenario dunha actividade moi especial: un espectáculo de maxia fusionado con intelixencia artificial, a cargo do director do CiTIUS, Senén Barro, a enxeñeira de IA Alba Meijide, e o recoñecido mago Jorge Luengo. Este evento buscará provocar no público unha reflexión sobre as diferenzas entre a intelixencia humana e a artificial, poñendo en evidencia como ambas, aínda que avanzadas, non son infalibles.
O venres 18 de outubro, na Facultade de Filosofía da USC, un grupo de persoas expertas en diversas disciplinas analizarán os aspectos éticos, legais e técnicos relacionados coa IA e de que maneira esta tecnoloxía pode ser percibida pola sociedade, a través dun interesante debate titulado '¿Podemos confiar na IA'?.
A Semana dá cidadanIA concluirá o sábado 19 de outubro coa proxección no Auditorio do CGAC da película Justicia Artificial, recentemente estreada e dirixida por Simón Casal. Tras a proxección celebrarase un coloquio moderado polo xornalista Jaime García Cantero, director de contidos de El País Retina, no que se debaterá sobre os límites do uso da IA en situacións tan complexas como a toma de decisións en conflitos bélicos ou en diagnósticos médicos. O coloquio contará coa participación da produtora, Chelo Loureiro, o director Simón Casal, e o actor Tamar Novas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.