
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, abriu hoxe as xornadas técnicas de Seguimento dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino de Galicia nas que anunciou que a Xunta de Galicia ten mobilizado o 83% dos máis de 130M€ de fondos Next Generation que xestiona o goberno autonómico no eido turístico. Como explicou, nos últimos anos estívose a axilizar e avanzar na mobilización destes fondos "coa intención de aproveitar a oportunidade que supón esta inxección económica para mellorar, renovar e completar a oferta turística galega da man da sostibilidade".
Neste sentido, no acto -no que estivo acompañado pola directora xeral de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado de Turismo, Ana Muñoz- Xosé Merelles fixo balance das medidas realizadas a través de plans e liñas de axuda, algunhas delas vixentes como as que aínda se poden solicitar ata o 14 de novembro para implantar medidas de eficiencia enerxética nos establecementos turísticos cun investimento de 10M€ -a maior liña de axudas en orzamento posta en marcha cos Next Generation- que se suma aos 3M€ dunha convocatoria anterior.
O director de Turismo de Galicia referiuse tamén á folla de ruta marcada pola Xunta cos fondos Next Generation relacionada co Camiño de Santiago, con iniciativas como o Plan Xacobeo Next Generation, que está a permitir dinamizar e diversificar a ruta xacobea, ampliar a súa capacidade aloxativa ou mellorar o seu patrimonio. Fixo mención, en concreto, á posta en valor de 12 Bens de Interese Cultural na ruta xacobea, dos que están en marcha a maior parte dos proxectos como a rehabilitación da fortaleza de Monterrei, obras de acondicionamento e iluminación en Mondoñedo, a restauración paisaxística do Parque do Pasatempo en Betanzos ou a posta en valor da casa natal de Valle Inclán, entre outros.
Tamén fixo mención a outras accións ao abeiro deste Plan como a sinalización da ruta cicloturística Eurovelo ou a liña de axudas deseñada pola Xunta de Galicia por máis de 5M€ para dotar de usos turísticos e rehabilitar distintos recursos patrimoniais da ruta xacobea que permitirá, entre outras cuestións, dotar ao Mosteiro de Oia dun hotel e restaurante, así como aos faros grande e pequeno de Cabo Silleiro. Recordou tamén a aposta da Xunta por empregar os fondos europeos para mellorar as instalacións náuticas vinculadas á Ruta Traslatio e para un ambicioso proxecto en marcha que permitirá realizar unha cartografía dixital de todos os Camiños de Santiago.
Diversificación da oferta
Fixo mención tamén, aos diferentes Plans Territoriais de Sostibildiade Turística ao redor de temáticas como o litoral, a enogastronomía e dos recursos termais e cascos históricos, que engloban á súa vez distintos plans de destinos dos que se están a beneficiar numerosos concellos galegos.
"Ademais destes plans territoriais, desde a Xunta de Galicia deseñamos distintas actuacións de cohesión en destino que se traduciron en ambiciosas liñas de axuda para beneficiar a concellos e tamén ás empresas que, ademais, están a dar os seus froitos á hora de diversificar a nosa oferta e facela cada vez máis sostible". Referiuse, en concreto, ás liñas de axuda para a rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral, ás destinadas ao embelecemento e actualización das adegas ou as que se deseñarán proximamente para modernizar e mellorar as instalacións termais galegas.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.