Noticias

Máis dun de cento de actividades espallarán a ciencia por Galicia nunha nova edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) celebrará o vindeiro día 27 de setembro a súa cuarta edición con máis dun cento de actividades de divulgación en rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado polas universidades de Santiago e A Coruña; institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT) e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC), a G-Night volverá sacar a ciencia dos laboratorios e das aulas para achegala á cidadanía, desta volta, nunha vintena de localizacións.

Conciencias creativas é o lema baixo o que se celebrará o evento, asociado á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005. A Noite Galega das Persoas Investigadoras conta para a súa celebración con recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.

Gran feira científica, charla e obradoiros en Vigo

O edificio Redeiras, na praza do Berbés, será o epicentro da G-Night en Vigo, espallándose as actividades tamén á biblioteca Xosé Neira Vilas e ao Museo Marco. Entre as 17.45 e as 22.00 horas desenvolverase en Redeiras unha gran feira científica, con máis de 20 postos, na que as persoas asistentes atoparán unha morea de actividades gratuítas que lle permitirán, da man de investigadores e investigadoras da UVigo e a través de amenos experimentos, achegarse ao universo, aos materiais, a acuicultura, a intelixencia artificial, monitorización de aves mariñas, o tratamento das augas, agroecoloxía, comunicacións dixitais, nanopartículas plasmónicas ou ciencia económica.

En paralelo á feira científica, entre as 18.00 e as 22.00 horas, desenvolverase outras actividades como un espectáculo de danza, A conectividade que nos move, no que a través do baile contemporáneo, o grupo Future Oceans Lab do CIM, amosará os mecanismos que sosteñen a conectividade ecolóxica e os desafíos as que se enfronta por causa da intervención humana. Pola súa banda, o docente e investigador Gianluca Marino (Geoma-CIM) ofrecerá unha charla titulada Como se vía o planeta durante as idades do xeo e o docente Jorge Vila Biglieri (Departamento de Economía Financeira de Contabilidade) impartirá o obradoiro En busca da felicidade financeira e a xubilación anticipada. Poden as matemáticas predicir unha epidemia en plantas? a cargo de Carlos Meniño e Noelia Bazarra (CIM); Son os insectos a alimentación do futuro? por Nuno Muñoz (Grupo BiotecnIA); E ti que sabes das Illas Atlánticas? con Andreu Blanco (CIM) e Que ten que ver Darwin co cancro? a cargo de David Posada (CINBIO), son os relatorios que completan o programa de actividades que rematará cun concerto de Pärbo Duet, formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó.

Pola súa banda, a terraza da biblioteca Neira Vilas acollerá entre as 19.30 e as 21.00 horas a charla científica Na procura da potencia perdida: a España solar que non foi con Ana Larrañaga, do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e Juan Jesús Rico, do Laboratory of Transport Processes da TU Dortmund e colaborador do GTE do Cintecx, na que abordarán, tanto os éxitos, como os desafíos, que enfrontou España neste campo. Mentres, no espazo anexo ao Marco, entre as 17 e as 21 horas, persoal investigador e técnico do Centro Oceanográfico de Vigo compartirá o seu traballo coa sociedade a través de talleres científicos, poñendo o foco no labor de asesoramento científico que realiza para diferentes administracións.

Así mesmo, os días previos á celebración da G-Night desenvolveranse relatorios de investigadoras e investigadores da UVigo en centros escolares e institutos da cidade, no marco da iniciativa Researchers at Schools.

Roteiro literario e xogo de escapada en Pontevedra

As actividades da G-Night en Pontevedra comezarán ás 10.00 horas na igrexa de San Francisco da capital pontevedresa, que será o escenario dun roteiro literario, coordinado pola docente do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo Ana Acuña. As e os participantes discorrerán por diferentes lugares da cidade que teñen algunha significación desde o punto de vista da literatura, ademais de poder familiarizarse con autores ou autoras de diferentes períodos. A escritora Fina Casalderrey porá o punto e final ao roteiro, salientando a relación da súa obra coa cidade. A actividade, que se desenvolverá ata as 12.00 horas, ten 25 prazas dispoñibles e cómpre inscribirse para participar.

A segunda das actividades que terá lugar en Pontevedra está organizada pola Misión Biolóxica de Galicia e o seu obxectivo é reflexionar sobre a perda de biodiversidade, o cambio global, a escaseza de auga, a saúde do solo e das sementes e da súa importancia para alimentar o mundo. Cun formato de xogo de escapada (Escape Room) a actividade desenvolverase entre as 19 e as 21.00 horas na sede da Misión Biolóxica de Galicia, onde as persoas participantes asistirán a charlas en diferentes emprazamentos, como un laboratorio, a biblioteca e o xardín. 25 persoas poderán participar nesta actividade, para a que tamén cómpre inscrición previa.

Obradoiro de escritura na antigüidade e ciencia no bar en Ourense

A Facultade de Historia será o primeiro escenario da G-Night en Ourense, que comezará ás 18.00 horas con obradoiros sobre linguas da antigüidade nos que as persoas participantes poderán recrear as escritas antigas. O grupo GEAAT é o encargado da organización desta actividade, na que poderán participar 10 persoas en cada unha das dúas quendas, unha dedicada a Exipto e outra a Roma, para as que terán que inscribirse previamente.

Pola súa banda, o Café & Pop Torgal acollerá a partir das 19.00 horas dúas charlas científicas: Aprendizaxe baseada en xogos e o colectivo transxénero, a cargo de Paula Rodríguez, do Departarmento de Análises e Intervención Psicosociocioeducativa e A ciencia axuda a reducir a violencia de xénero, a cargo de María José Vázquez do Grupo de Psicoloxía Xurídica e da Saúde: convivencia e benestar e Jennifer Rodríguez, traballadora social.

Un amplo programa de actividades no resto de Galicia

En Santiago, coa coordinación da USC, a feira científica celebrarase no Claustro do Colexio Fonseca, cun completo programa de obradoiros e demostracións de 18.00 a 21.00 horas, con presenza do INCIPIT e CITMAga. Pola súa banda, o Iegps complementa a feira cun roteiro sobre a pegada das mulleres nas rúas de Compostela e un obradoiro para descifrar as escritas antigas. A programación complétase con charlas organizadas polo CITMAga no salón de graos de San Xerome; portas abertas no INCIPIT e no CESGA e un relatorio organizado pola Real Academia Galega de Ciencias. O campus de Lugo, pola súa banda, coa participación de Xuvenciencia e Agromar, ofrecerá tamén un amplo programa de actividades no mercado Municipal e na Praza de Abastos.

O paseo do Parrote de A Coruña acollerá de 18.00 a 21.00 horas obradoiros científicos para todos os públicos, coordinados pola UDC en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses e Coca Cola, onde participarán tanto persoas investigadoras da propia universidade, como do Instituto oceanográfico e a SEBBM. Tamén haberá actividades no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), DOMUS (organizadas polo INIBIC), Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas; visitas guiadas ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) e Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC); unha peza teatral na Casa Hamlet e ciencia no bar en La Olímpica e no Árnica. No campus de Ferrol, os eventos terán lugar no CITENI e na Asociación de Veciños de Canido.

R., 2024-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (vivenda-santiago.jpg) O informe da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cifra en 2.943 as vivendas de promoción pública en marcha diferentes fases de tramitación e execución na comunidade. Estas vivendas forman parte do traballo do Goberno galego para duplicar o parque público residencial, o que significa que neste momento a Xunta ten xa en marcha o 73 % dos novos fogares comprometidos para esta lexislatura. Cómpre recordar que en 2025 o Goberno galego triplicou o orzamento destinado á vivenda pública e solo residencial. O Informe reflicte así que neste momento, a Xunta de Galicia ten 2.943 vivendas de nova construción en marcha, o que supón un investimento xa licitado de 208 M€, e un total estimado de 451 M€.
Foto de la tercera plana (alumnos-curso.jpg) A nova ferramenta, que se activará nos próximos días, está configurada como un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poderán empregar os docentes en calquera momento en que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada, tal e como informou Rueda, nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP. Logo da decisión do profesor de activar o Termómetro Acoso Escolar, e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.

Notas

Cando se cumpre un lustro do seu nacemento, a G-Night, Noite das Persoas Investigadoras, achegará o vindeiro 26 de setembro máis de 200 actividades de divulgación científica ás sete principais cidades de Galicia. Baixo o lema 'Conciencias creativas', as sete cidades serán escenarios de decenas de actividades para achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo.
Achegar o patrimonio e a arqueoloxía á xente e facer que a sociedade civil coñeza, protexa e sexa a protagonista da historia é o obxectivo de 'Fortalezas da Fronteira', un proxecto cultural no que participa a USC, e que pretende poñer en valor o rico patrimonio que oculta a fronteira dunha e outra beira do Miño. O proxecto está actuando no xacemento de 'As Torres', no Concello de Tomiño, coa participación de arqueólogos e comunicadores conxuntamente coa Comunidade de Montes de Taborda e do que forman parte mozos e mozas dun Campo de Voluntariado da Xunta.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES