Tal e como lembrou o presidente, mantivéronse reunións con representantes da Comisión Europea e da Representación Permanente do Estado na UE (REPER) para abordar a situación que está a provocar o parón eólico en Galicia e que afecta non só aos parques senón a proxectos industriais que precisan da súa enerxía para poñerse en marcha.
Vázquez indicou que o balance desta viaxe é satisfactorio e positivo xa que a UE avalou o rigor e bo traballo de Galicia en materia de enerxías renovables.
En concreto, a viaxe serviu para que a Xunta expuxese ante as autoridades europeas os principios inspiradores da futura Lei galega de administración ambiental simplificada, unha norma aliñada co obxectivo de acelerar o desenvolvemento das enerxías renovables na UE e a declaración do seu interese público superior, así como doutros proxectos industriais de calado, sempre co máximo respecto á protección ambiental.
A lei e os seus obxectivos foron moi ben recibidos por parte dos interlocutores comunitarios, que coincidiron, ademais, na necesidade de avanzar cara á simplificación e na regulación de procedementos máis sinxelos e igual de garantistas que non dilaten os prazos de tramitación de proxectos aliñados cos obxectivos comunitarios de transición enerxética, como, por exemplo, os eólicos.
De feito, o bloqueo na implantación de máis potencia eólica en Galicia foi o tema central das reunións en Bruxelas, onde a conselleira expuxo a gran preocupación da Xunta ante a parálise que sofre este sector na Comunidade nos últimos anos, debido ao goteo constante de recursos xudiciais contra as resolucións de autorización de novos parques que se ían emitindo.
Neste sentido e con relación á cuestión prexudicial sobre a tramitación eólica elevada en xuño polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ante Europa, a Xunta insistiu na importancia que terá o pronunciamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), dado que clarificará se o procedemento aplicado en España a todas as avaliacións ambientais é o correcto tal e como defende Galicia ou se a norma vixente que o regula, a Lei estatal de avaliación ambiental de 2013, non recolleu adecuadamente a normativa da UE neste eido. Esa futura sentenza comunitaria permitirá acabar así cunha situación de inseguridade xurídica que se podería estender ao resto de España e da UE.
Ao respecto, os responsables tanto do Servizo Xurídico como da Dirección Xeral de Medio Ambiente da CE trasladaron que, por petición do TXUE, remitirán cadanseus informes para fixar a súa postura perante á cuestión prexudicial iniciada desde o TSXG.
Ademais e no marco da reunión mantida con membros da REPER, a Xunta foi informada da decisión do Executivo central de comparecer tamén no referido procedemento, que cuestiona a norma sectorial básica do ano 2013 na que se enmarca a tramitación ambiental realizada polo Goberno autonómico no caso dos proxectos eólicos e a súa conformidade coa lectura que fai o tribunal galego da lexislación comunitaria.
Tras coincidir na transcendencia non só para Galicia senón para toda a UE de que a Xustiza europea fixe de forma clara e definitiva a interpretación correcta da norma comunitaria que incorporou a Lei estatal de avaliación ambiental, ambas as partes avaliaron a pertinencia de manter unha reunión técnica entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para abordar con detalle a cuestión prexudicial e a situación eólica en Galicia.
Perda do liderado eólico nacional
Na actualidade a comunidade conta cun total de 190 parques eólicos en funcionamento, que suman unha potencia de 3.905,68 MW. En todo caso, cómpre lembrar que o Plan sectorial eólico de Galicia prevé a implantación de 6.500 MW de potencia eólica e na Axenda enerxética galega fixouse como obxectivo alcanzar no horizonte do ano 2030 os 8.000 MW, polo que aínda hai marxe para a implantación de novos parques.
Non entanto e debido á situación de bloqueo que afecta o sector en Galicia desde o ano 2020, no día de hoxe hai 135 parques eólicos autorizados, pero non operativos, dos cales 104 están recorridos e 64 teñen a autorización suspendida por orde xudicial.
De feito, tal e como indicou a conselleira, a Comunidade pasou de ser líder en España en potencia eólica instalada a caer ata a cuarta posición, un retroceso que ten a súa razón principal na parálise que afecta este sector de forma particular en Galicia e que lle impide avanzar á vez nos obxectivos de descarbonización e loita contra o cambio climático que promulgan todas as institucións comunitarias para o conxunto de rexións e estados membros.
Cómpre lembrar que, en liña coa normativa europea de transición enerxética e aceleración dos procedementos de autorización de enerxías renovables para acadar a neutralidade climática, a Lei galega de medidas fiscais e administrativas de 2023 declarou de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica co fin de axilizar a súa tramitación.
Na mesma liña, a futura Lei de administración ambiental simplificada de Galicia que pechou a fase de consulta pública previa a comezos de setembro buscará avanzar tamén na axilización dos trámites de proxectos de especial interese e transcendencia para a comunidade, entre os que destacan particularmente aqueles relacionados coa aposta polas enerxías limpas.