
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inauguraron no Museo do Pobo Galego, en Santiago, a mostra Luísa Villalta. A música das palabras, coa que a Xunta segue a contribuír na difusión do legado da autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas.
A exposición componse de 14 paneis divulgativos que transportan ao visitante polos fitos máis importantes da vida e obra da coruñesa. A eles súmanse seis vitrinas con pezas orixinais relacionadas coa protagonista e un vídeopoema recitado pola propia creadora. Un repaso que, segundo resaltaron os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, posibilita dunha maneira moi doada e accesible o coñecemento e comprensión da traxectoria de Luísa Villalta vista desde moi diversas perspectivas, como é a súa infancia, a súa etapa universitaria, a súa evolución no eido musical, os seus primeiros escritos ou o seu labor intelectual, activista e docente.
Neste senso, lembraron que a proposta que chega agora a Santiago de Compostela, e que xa puido verse na Coruña e Vigo, pretende continuar celebrando a figura da escritora ao longo do territorio galego, poñendo en valor e achegando á sociedade a gran aportación que deixou na nosa cultura.
A exposición, comisariada por Xesús Domínguez Dono e enmarcada na programación do CulturON do Goberno galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.