Noticias

A Xunta urxe ao Goberno central a traspasar de inmediato as funcións e medios necesarios para que Galicia poida asumir a xestión da súa franxa costeira

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, urxiu ao Goberno central a axilizar e facilitar o traspaso das funcións así como dos medios materiais e persoais necesarios para que Galicia poida asumir 'de inmediato' e de forma efectiva a xestión da súa franxa costeira. A responsable autonómica lembrou que o pasado mes de abril o Tribunal Constitucional avalou por unanimidade a validez da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) fronte ao recurso interposto polo Executivo central contra a norma.

Tras esta sentenza, que segundo explicou Ángeles Vázquez recoñece a competencia exclusiva da comunidade sobre o seu litoral e sobre os usos e actividades que pode acoller, a Xunta iniciou de inmediato os trámites para solicitar o traspaso de funcións e medios para a xestión costeira a través da Comisión mixta de transferencias.

Sen embargo e pese á insistencia do executivo autonómico nos últimos meses, a conselleira lamentou que ata o de agora non se producira ningún avance e que a última comunicación oficial recibida por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o pasado 26 de xullo, non concrete nin aclare nada sobre o traspaso ou os prazos que manexa para facelo efectivo.

Esta actitude por parte do Goberno central, considerou, está a dificultar a aplicación da Loxilga, que xa estivo parada durante seis meses polo recurso interposto polo Estado. Por iso, reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez lealdade e respecto institucional nun asunto crucial para a comunidade que ten máis quilómetros de costa e exixiu que faga canto antes a transferencia efectiva dos medios en lugar de seguir “perdendo máis o tempo” debido á “descoordinación” entre uns departamentos e outros.

Así, animou ao resto de gobernos autonómicos interesados en lexislar neste eido a seguir “os pasos que deu Galicia”, partindo sempre “dunha base científica” que permita abordar a regulación costeira con claridade e seguridade xurídica.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou que a Loxilga, aprobada hai un ano, é unha ferramenta fundamental nas políticas da Xunta fronte ao cambio climático. Unha tese que defenderá hoxe, precisamente, durante a súa intervención na mesa redonda A adaptación ao cambio climático nas cidades, onde exporá como a Loxilga ofrece un marco de seguridade xurídica para emprender accións efectivas para a xestión sostible da franxa litoral urbana de Galicia.

Acompañada polo conselleiro de Fomento, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do Goberno de Cantabria, Roberto Media, a alcaldesa de Santander, Gema Igual, e a rexedora de Valencia, María José Catalá, Ángeles Vázquez incidirá tamén no liderado asumido por Galicia na xestión integral do litoral, sendo a primeira comunidade en regular por lei a costa en toda a súa extensión.

R., 2024-08-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES