Noticias

Galicia pide que as Comunidades Autónomas participen no deseño dos mecanismos de coordinación e seguimento do novo marco fiscal en España

Galicia pide que as Comunidades Autónomas participen no deseño dos mecanismos de coordinación e seguimento do novo marco fiscal en España. A interventora xeral da consellería de Facenda e Administración Pública, Almudena Chacón, participou nunha das mesas redondas do seminario organizado en Madrid pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF) para analizar as implicacións do novo marco fiscal nas CC.AA. Almudena Chacón salientou que o proceso de deseño, coordinación e seguimento das novas regras fiscais aplicables ás finanzas autonómicas debe ser obxecto de debate no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), como órgano de representación multilateral das Comunidades Autónomas.



Para que o novo plan fiscal que se deseñe sexa viable, ten que ter en conta o elevado nivel de descentralización en España e, polo tanto, non pode facerse sen unha coordinación, valoración e estudo previo con todas as Administracións públicas. E, afirmou Chacón, ese diálogo debe manterse no seo do CPFF, onde están representadas todas as Comunidades.

Flexibilidade, transparencia e protección do investimento público

As novas regras teñen que ser flexibles, para que permitan afrontar os compromisos de gasto que asumen as finanzas autonómicas en servizos públicos fundamentais, como son os de sanidade, os servizos sociais e a educación, con elevados graos de rixidez e, no caso dos gastos en materia sanitaria e de servizos sociais, moi afectados polo envellecemento da poboación.

Chacón reclamou tamén un incremento na transparencia por parte do Goberno central, porque a falta de información que teñen as Comunidades dificultan as súas estimacións durante o exercicio para garantir o cumprimento ao peche. Para a interventora xeral é preciso tamén garantir un nivel axeitado de protección do investimento público, porque o propósito principal das regras fiscais é a sostenibilidade das finanzas públicas.

R., 2024-06-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European Researchers’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES