
O director xeral destacou as importantes relacións económicas, sociais e culturais entre Galicia e Portugal, que se ven moitas veces socavadas por obstáculos derivados das fronteiras e que afectan ao transporte, á prestación de servizos públicos ou ao desenvolvemento empresarial. Por iso apoiamos un mecanismo transfronteirizo como este, que permita superar estas barreiras por medio de puntos de coordinación, engadiu.
Coexistencia dos grandes carnívoros coas actividades agrarias
De entre os outros 13 ditames aprobados nesta sesión plenaria, cómpre salientar o relativo á xestión das poboacións de grandes carnívoros en Europa, que destaca a necesidade de lograr un equilibrio entre a protección de especies como o oso, o lince ou -especialmente para Galicia- o lobo, e a dos seres humanos e as actividades agrícolas nas zonas rurais.
Mediante a presentación de 13 emendas a este ditame, a Xunta fixo énfase na necesidade de avaliar periodicamente o estado de conservación destas especies para garantir niveis de protección e xestión adecuados, e solicitou un maior apoio público para que as comunidades rurais e os agricultores poidan aplicar medidas de prevención axeitadas e facer fronte aos danos causados por grandes carnívoros.
Ademais dos anteriores, o Goberno galego presentou emendas a outros dous ditames: un sobre a primeira proposta de lexislación europea para regular a distribución e comercialización de vexetais producidos mediante os métodos máis novidosos de modificación xenética (coñecidos como novas técnicas xenómicas); e outro sobre a promoción da mobilidade na aprendizaxe como ferramenta para impulsar o desenvolvemento das competencias e o talento na UE.
Outros puntos destacados
Este pleno contou, ademais, coa celebración de debates sobre o paquete de ampliación da Unión Europea de 2023, os sistemas de protección da infancia a nivel local e rexional e as eleccións ao Parlamento Europeo do vindeiro 9 de xuño. Por vía de urxencia, adoptouse unha resolución sobre a política de cohesión despois de 2027 como resposta ao noveno Informe da Cohesión publicado a finais de marzo.
Os máis de 300 representantes locais e rexionais abordaron tamén os resultados do pasado Cumio Europeo de Rexións e Cidades celebrado en Mons, a próxima creación dun órgano interinstitucional de ética da UE e a proposta de orzamento do Comité Europeo das Rexións para 2025.
Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da comunidade, o membro titular é o propio presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.