Noticias

O Festival Internacional Pórtico do Paraíso ofrece cinco concertos en espazos patrimoniais de Ourense, Castro Caldelas e Cea

A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso presentou hoxe o cartel da súa 17ª edición, que se celebrará do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. Trátase dun evento dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, que este ano ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska.

A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso presentou hoxe o cartel da súa 17ª edición, que se celebrará do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. A Xunta de Galicia mantén a súa colaboración económica con esta iniciativa, dedicada á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, que este ano ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación Provincial de Ourense, e Juan Enrique Miguéns, presidente da Asociación Pórtico Musical e director artístico do encontro.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou a organización polo cartel deste ano e pola súa aposta continua por achegarlle a música clásica a todo tipo de públicos. Asegurou tamén que Pórtico do Paraíso ten xa consolidado un importante papel como plataforma de difusión da música culta a través de propostas tanto de intérpretes galegos como do resto de España e do panorama internacional.

No castelo de Castro Caldelas e no mosteiro de Oseira

Jacobo Sutil destacou tamén a traxectoria de descentralización seguida polo festival e a súa apertura a unha contorna natural e patrimonial para un evento que xa conta co aval do público e con recoñecementos tan destacados como o selo de calidade EFFE Label, que concede a Asociación de Festivais Europeos.

Así por exemplo, no cartel deste ano, o castelo de Castro Caldelas acollerá o 5 de maio o dúo galego-polaco no que se xuntan os talentos do arpista compostelán Manuel Vilas e a voz da mezzo-soprano especializada en música antiga pola Universidade de Varsovia, Paulina Ceremuzynska.

Outro espazo arquitectónico singular, o do Mosteiro de Santa María de Oseira, en Cea, será o escenario para o recital de peche o 12 de maio a cargo do grupo de voces, violín e percusións Diabolus in Musica, procedente de Francia.

Na cidade de Ourense terá lugar o concerto inaugural que correrá a cargo do cuarteto vocal Cantoría o 3 de maio no Liceo, mentres que o Teatro Principal acollerá a actuación do trío español de clarinete, viola e piano, Música y Memes, o día 7, e o acordeonista serbio Miloš Milivojević tocará na Igrexa de Santo Anxo o día 10.

Encontros con estudantes no Conservatorio

Nesta edición, en paralelo ao programa de concertos, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense acollerá dúas sesións nas que o alumnado terá a oportunidade de coñecer de cerca o traballo do grupo vocal español Cantoría, que visitará o centro o 2 de maio, e do acordeonista serbio Miloš Milivojević, que compartirá unha sesión con estudantes o día 9.

As entradas para a 17ª edición do Festival Internacional Pórtico do Paraíso están xa á venda tanto en liña, a través da súa web, como fisicamente no Liceo de Ourense e no establecemento Musical González.

R., 2024-04-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES