Noticias

Galicia traballa nunha solución innovadora para acadar a neutralidade climática en 2040

A Xunta traballa nunha solución para optimizar a captura de carbono e compensar as emisións da comunidade á atmosfera mediante a xestión sostible e activa dos sumidoiros naturais de carbono existentes no territorio galego a través do proxecto Solucións innovadoras para a compensación local de emisións de CO2 (SICLE-CO2). Esta iniciativa está a explorar as capacidades de colaboración público-privada para desenvolver fórmulas que permitan compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro no ámbito galego.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, inaugurou hoxe a presentación das conclusións deste proxecto ao que distintas empresas fixeron as súas propostas coa finalidade de dar resposta aos retos existentes no eido da identificación e seguimento dos proxectos de absorción de carbono e na compensación da emisións de CO2. Neste sentido, SICLE propón o desenvolvemento dunha solución integrada que xestione e controle o potencial de compensación de CO2 de áreas estratéxicas como as zonas forestais, os terreos agrícolas ou distintos espazos costeiros e de desenvolvemento da acuicultura.

Para acadar esa solución, o seguinte paso vai ser a obtención de financiación para poder poñela en marcha a través do Programa de Compra Pública de Innovación, que conta cun orzamento de algo máis de seis millóns de euros. O proceso de licitación das distintas liñas do proxecto desenvolverase nos vindeiros anos e, unha vez resolto, procederase a continuación á súa execución.

Sagrario Pérez salientou que o proxecto SICLE-CO2 pretende dar resposta a catro retos que implicarán diferentes traballos. O primeiro deles é a necesidade de realizar un estudo de todos os terreos galegos incorporando a estimación do potencial de absorción de CO2 de cada parcela permitindo aos interesados que se identifiquen como propietarios e crear un mapa co que facilitar o seu contacto coas organizacións interesadas en compensar as súas emisións á atmosfera.

O segundo reto é o establecemento dun ecosistema de colaboración para compensar as emisións e que aumente o número de proxectos neste eido. De feito, esta plataforma permitirá visualizar ese mapa de parcelas activas e asegurar un intercambio xusto entre propietarios e empresas contribuíndo a loitar contra o cambio climático.

O terceiro desafío é mellorar a capacidade da Administración para supervisar os proxectos de compensación e asegurar o cumprimento dos criterios do regulamento de certificación de absorcións de carbono. O cuarto require do desenvolvemento dunha ferramenta de predición que axude a determinar a capacidade de captura de CO2 dos terreos agrícolas e áreas costeiras e de acuicultura en función das distintas técnicas de Carbon Farming e de Blue Carbon que poidan aplicarse en cada zona do territorio.

A solución tecnolóxica incluirá unha certificación da situación actual en canto ao grao de absorción de carbono dos sistemas forestais, cultivos, áreas costeiras, zonas húmidas ou de acuicultura e o desenvolvemento de mapas cunha estimación do potencial de absorción de carbono. Para o deseño desta ferramenta aproveitaranse os datos dispoñibles noutros proxectos previos como o Inventario Forestal Continuo de Galicia, a plataforma da Civil UAVs Initiative ou os servizos catastral e de montes ordenados da Xunta, entre outras aplicacións autonómicas ou estatais dispoñibles na actualidade.

Comunidade líder

Todas estas medidas pretenden reducir a pegada de carbono na comunidade e contribuír a que siga sendo referente a nivel nacional na loita contra o cambio climático e na redución das emisións á atmosfera. Nesta liña, Galicia lidera a absorción de carbono no territorio nacional con máis de unha de cada cinco toneladas de CO2 capturadas en España, preto do 22% do total, con arredor de 10 millóns de toneladas ao ano.

O obxectivo final de accións como as promovidas dentro do proxecto SICLE é apoiarse nos mecanismos naturais de absorción de dióxido de carbono para lograr o equilibrio que permita reducir ao mínimo o impacto no medio ambiente. Ao mesmo tempo, este novo factor pode servir para poñer en valor os medios rural e costeiro e contribuír ao asentamento de poboación na súa contorna.

R., 2023-12-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES