
No que atinxe ao apartado de Artes Plásticas, en segundo lugar quedou a proposta escultórica titulada Cestas Corpo de Yuxara Covelo Camesell, e o terceiro premio recaeu en Nerea Cordeiro Cerviño pola súa creación pictórica Cidades telaraña. Ademais, concedéronse dúas mencións de honra a Iago Fontoira Araujo, que presentou a escultura Reflexos de encontro e a Nerea Gundín Fraga pola pintura Bandeira.
Todas estas obras gañadoras máis as finalistas desta edición poden apreciarse ata o vindeiro 9 de decembro nunha exposición aberta ao público na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. A esta última fase do certame chegaron 30 propostas: 16 na categoría de Fotografía e 14 na de Artes Plásticas.
Os gañadores recibirán un premio en metálico de 3.000 euros, os segundos clasificados levarán 1.500 euros e a dotación económica para os terceiros é de 1.000 euros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.