
Galicia non quere ser máis que ninguén, pero tampouco menos, resaltou. Por iso, asegurou que corresponde a Xunta pedir explicacións ao Goberno central.
Nesta liña, asegurou que unha das primeiras tarefas que ten que facer Pedro Sánchez é convocar aos presidentes das comunidades para explicar realmente os pactos, as cesións realizadas e como afectarán ao resto de comunidades.
A Xunta xa adiantou hai semanas mediante unha declaración institucional a súa oposición a uns acordos que afondan nas desigualdades de territorios e premian as comunidades cunha mala xestión e que, pese a incumprir as súas obrigas como gobernos autonómicos, son beneficiados cunha distribución da súa débeda entre todos os españois.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.