Noticias

O Centro Dramático Galego afonda na conexión coas principais entidades teatrais lusas nun espectáculo sobre a figura da actriz galega Manuela Rey

O Centro Dramático Galego ultima a estrea en Portugal xunto ao Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto da súa próxima produción, Manuela Rey Is In Da House, nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior da unidade teatral da Xunta de Galicia e, en concreto, nas súa estreita relación coa escena lusa. A montaxe inaugurará o vindeiro venres día 10 a sétima edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo no Teatro Municipal Sá de Miranda, onde ofrecerá un segundo pase o sábado 11.

O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, asina a dirección escénica e a dramaturxia desta proposta, na que a conexión galego-portuguesa se reflicte tanto na composición dos equipos artístico e técnico como na propia temática da peza, inspirada na esquecida historia da galega Manuela Rey, quen na segunda metade do século XIX chegou a ser a gran estrela da época no teatro lisboeta.

Pola banda galega, Mariana Carballal, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco do espectáculo xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Estarán acompañados en escena pola arqueóloga do INCIPIT/CSIC Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación.

O equipo de Manuela Rey Is In Da House complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, respectivamente, e a colaboración especial de Paula Mora, actriz residente no Teatro Nacional D. María II.

De Mondoñedo a Lisboa

A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e o propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada “a muller lirio”, nada nunha casa de aldea de Mondoñedo en 1842 e falecida aos 23 anos na capital lusa.

Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde Manuela Rey triunfou no Teatro Nacional Dona María II.

Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe. En canto á súa vida persoal, na capital lusa circulaba o insistente rumor de que o rei Pedro V quedara prendido da galega e, posteriormente, o dramaturgo J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra chegaron a se bater en duelo por ela.

Manuela Rey Is In Da House poderá verse en marzo de 2023 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Todo o equipo volverá así á capital de Galicia, xa que a nave de servizos artísticos da Axencia Galega das Industrias Culturais acolleu nas últimas semanas gran parte do período de ensaios previos á estrea portuguesa.

Proxectos internacionais

Con esta nova produción, a Xunta continúa afianzando o marco de acción internacional da súa unidade teatral, que o ano que vén celebrará o seu 40º aniversario. Nestes momentos, o Centro Dramático Galego é parte de varios proxectos europeos como o Phone para darlle voz desde as táboas ás linguas minorizadas ou o Nós/Nous, que ten como obxectivo promover a práctica teatral e o intercambio exterior de estudantes de Arte Dramática no treito final da súa formación. Dentro desta última iniciativa, o pasado mes de xuño estreouse o espectáculo Ifixenia, coproducido xunto a outras compañías institucionais e centros de ensino teatral superior de Galicia, Francia e Portugal.

Entre as recentes colaboracións coa escena lusa, destaca así mesmo o traballo xunto ao Círculo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra e ao Teatro Nacional de Cataluña para recuperar o histórico proxecto de Ricart Salvat Castelao e a súa época, nunha lectura dirixida por Carme Portaceli e estreada en setembro no marco da Mostra de Teatro Galego de Coimbra.

R., 2023-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES