Noticias

25 festivais e axencias de 13 países participarán no evento Focus Galicia para amplificar a proxección exterior da nosa música

A Xunta convidou os responsables de 25 festivais e axencias de distribución e management de 13 países ao evento profesional Focus Galicia para lles achegar a riqueza musical da nosa Comunidade e o seu estreito vínculo co territorio a través dun intenso programa de actividades que inclúe showcases, presentacións rápidas e reunións. O encontro desenvolverase en espazos de Santiago de Compostela e das Rías Baixas do 22 ao 24 de outubro, días previos á celebración na Coruña do Womex, o encontro itinerante de referencia mundial para a música tradicional e de raíz.

De feito, esta selecta escolma de axentes internacionais chegados desde Alemaña, Brasil, Canadá, Corea do Sur, Chequia, Chile, Francia, Italia, Mozambique, Portugal, Reino Unido e Uruguai, así como de diferentes puntos de España, foi seleccionada entre os principais profesionais acreditados na World Music Expo, buscando así aproveitar recursos e sinerxías para amplificar a proxección exterior da nosa música e repetir o éxito de experiencias similares que o Goberno galego xa levou a cabo nas vésperas das anteriores edicións galegas de Womex nos anos 2014 e 2016.

Selección artística

Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen avanzou no Salón Teatro de Santiago os detalles da programación de Focus Galicia, cuxo epicentro serán as actuacións dos 10 grupos e artistas seleccionados por un xurado profesional a partir da convocatoria aberta pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades: Abraham Cupeiro, Budiño, Catuxa Salom, De Ninghures, García MC & Nación Quilombo, Mario G. Cortizo, Mercedes Peón, Samudra Trio, Xurxo Fernandes e Zeltia Irevire.

Interviñeron tamén nesta presentación Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), colectivo sectorial que colaborou no deseño do programa, e Jorge Pallarés, director de Márketing e Comunicación das Bodegas Martín Codax, cuxa sede en Cambados será un dos escenarios de Focus Galicia xunto coa Sala Riquela, a Sala Capitol, o Hotel NH Collection e o propio Salón Teatro en Santiago de Compostela.

Concertos abertos ao público na Capitol

Todos os concertos serán de acceso exclusivo para os axentes acreditados, agás o que terá lugar na Sala Capitol o martes 24, ás 20,30 h., coas actuacións de Xurxo Fernandes, Budiño e MC García e Nación Quilombo. Neste caso, a entrada será libre ata completar a capacidade do espazo.

Segundo Sutil, este cartel artístico “compón unha magnífica mostra da variedade e calidade da música galega actual e da mestría dos seus compositores e intérpretes á hora de diversificar, recrear ou mesmo reinventar a nosa música no século XXI sen renunciar á nosa profunda e rica tradición neste ámbito”.

O intenso programa de actividades deseñado para a delegación internacional en Focus Galicia combina, ademais, visitas culturais, recepcións institucionais e encontros profesionais para o intercambio de experiencias. Haberá, por exemplo, varias sesións reservadas ao networking, así como ao pitching de proxectos musicais con presentacións a cargo de Helena Egea, Adrian Timms, Iria Estévez, Lontreira, Boroa, Francisco Amil, Hydn, Artyc Content, Cartometrics e Cordas en Harmonía.

Novos mercados para a música galega

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo fincapé nos principais obxectivos que se perseguen con esta iniciativa, a través da que se busca “mellorar o coñecemento da música de Galicia a nivel internacional, facilitar a contratación exterior dos nosos artistas, contribuír á consolidación de contactos profesionais, deseñar programas e accións conxuntas para o futuro inmediato ou transferir sabedoría e experiencias no ámbito das músicas do mundo”.

Lembrou as positivas experiencias dos devanditos Focus celebrados nos anos 2014 e 2016, a raíz dos que se abriron novos mercados para a música galega no Xapón, India, Brasil, Canadá, Marrocos, Irlanda e Portugal, así como nalgúns dos festivais españois máis destacados no ámbito da música tradicional.

“Con esta nova edición de Focus Galicia agardamos continuar nesta dinámica”, engadiu, ao tempo que explicou que este programa de internacionalización da nosa música entronca cun dos eixos vertebrais do Plan Xeración Cultura posto en marcha polo Goberno galego e, neste sentido, se suma a outras accións como os apoios ao encontro musical MUMI na eurocidade Tui-Valença e o seu intercambio co Fira Mediterrània de Manresa, a participación no BIME de Bilbao ou mesmo a delegación musical e profesional galega que se despregará no Womex da Coruña baixo a marca común GalicianTunes.

R., 2023-10-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES