Noticias

Galicia destina 7,5 M€ a compensar os maiores custos de produción das empresas de transformación e venda de produtos do mar pola guerra en Ucraína

A Consellería do Mar destina este ano 7,5 millóns de euros a achegas para as empresas de comercialización ao por maior e de transformación dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura para compensar o impacto dos incrementos de prezos pola guerra en Ucraína de distintas materias primas que son fundamentais para o desenvolvemento da súa actividade. Así o recolle a orde pola que se aproban as bases reguladoras destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Deste xeito, a Xunta está a poñer disposición do complexo mar-industria galego arredor de 15 millóns de euros para paliar os efectos do conflito bélico ao sumarse a estes 7,5 millóns os máis de 7,2 millóns destinados á frota pesqueira e ao sector dos cultivos mariños, recollidos en sendas convocatorias publicadas nas últimas semanas no DOG.

Os apoios para as empresas de comercio ao por maior e de transformación de produtos do mar permitirá compensar o gasto adicional no que incorreron entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2022 polo encarecemento da enerxía -tanto da electricidade como do gas-, dos envases e embalaxes -de madeira, cartón, plástico, vidro e metal (latas)- e de produtos necesarios para a produción como a fariña, o pan relado, os aceites de xirasol e oliva, o cloro que empregan as depuradoras ou os gases refrixerantes e osíxeno.

A contía máxima da axuda poderá ser de ata o 100 % do gasto subvencionable para as pequenas e medianas empresas (pemes) e de ata o 80 % nas de maior tamaño. O importe total da achega non excederá os 300.000 euros por beneficiario, con independencia do número de establecementos dos que dispoña. Tamén se verificará que non supere esta contía sumadas posibles subvencións percibidas noutras comunidades autónomas.

Os custos subvencionables deben estar relacionados ao 100 % coa actividade propia da empresa no ámbito da transformación ou comercialización dos produtos do mar e atenderase ao consumo medio efectivo realizado en exercicios anteriores. O prazo de solicitude das achegas é dun mes a contar desde mañá e deberán presentarse por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Acuicultura, frota e industria

A Xunta mobiliza así un total de arredor de 15 millóns de euros en tres ordes para paliar o impacto da guerra en Ucraína na cadea mar-industria. A primeira, publicada o pasado día 8, está destinada á acuicultura, con 3,6 millóns de euros de orzamento, contía case idéntica á destinada para compensar o encarecemento dos carburantes para a frota, que saíu publicada no DOG o 14 de agosto.

A invasión de Ucraína por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022 xerou graves consecuencias no conxunto da economía da Unión Europea e os seus estados membros. Entre os damnificados encontrábanse os operadores do sector da pesca e acuicultura de toda a UE, orixinando incrementos importantes dos custos e alteracións do comercio. Ante esta situación modificouse o regulamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para permitir a adopción de medidas que mitigasen este impacto, como fai agora a Xunta.

R., 2023-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES