Noticias

Galego, catalán, éuscaro e valenciano colaboran dende o PERTE 'Nova Economía da Lingua' para afianzarse na sociedade e na economía dixital

O proxecto Nova Economía da Lingua (NEL) pretende desenvolver modelos multilingües de texto, voz e tradución automática que poidan dar resposta ás necesidades da realidade social e estean en liña coa tecnoloxía actual, na que o multilingüismo e a transferencia entre linguas xogan un papel crucial. A primeira xuntanza deste iniciativa na que participa a USC e que conforma un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) centrado na nova economía da lingua —promovido polo Goberno de España no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia—, botou a andar na Cidade da Cultura.

A proposta do Estado ten por obxecto impulsar a nova economía dixital baseada na linguaxe natural, aproveitando o potencial de todas as súas linguas como factor de crecemento económico e de competitividade internacional en áreas como a Intelixencia Artificial (IA), a tradución, o ensino, a produción e divulgación cultural e, en xeral, a investigación e a ciencia.

A participación neste proxecto común articúlase a partir dos distintos subproxectos relacionados coa lingua repartidos por distintos puntos da xeografía estatal. Así, a lingua galega está representada mediante a figura NEL NÓS, unha fórmula que parte do proxecto de investigación ‘Nós’ —encomendado á USC pola Xunta de Galicia, e desenvolvido a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e polo Instituto da Lingua Galega (ILG)—; o éuscaro, por NEL GAITU —a partir do proxecto homónimo desenvolvido na Universidade do País Vasco—; NEL AINA no caso do catalán —en marcha no Barcelona Supercomputing Center—; e NEL VIVES, nomenclatura do proxecto no que traballa xa a Universidade de Alacante. Todos eles participan no encontro que reúne en Compostela a unha trintena de persoas das distintas institucións implicadas no Edificio Fontán (Cidade da Cultura de Galicia), sede do proxecto ‘Nós’.

No que respecta á situación do galego, a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández Rei, reflexionou sobre o papel crucial do PERTE. “Segundo o último informe publicado no proxecto European Language Equality, o galego está practicamente no vagón de cola das linguas europeas, mesmo tendo en conta as non oficiais. Un proxecto como este é un pulo fundamental para poder contribuír con recursos lingüísticos e novas tecnoloxías á mellora da situación do galego, e poñelo nunha situación de uso real, nas aplicacións que usamos a diario”, dixo.

Chegar máis lonxe

O director científico do CiTIUS, Senén Barro, profundou, pola súa parte, na importancia que o PERTE ten para o desenvolvemento do proxecto ‘Nós’. “Somos unha das linguas de Europa máis deprimidas tecnoloxicamente falando, e isto non é unha simple cuestión de estar ou non ao día senón que ten fortes repercusións económicas, e mesmo afecta á supervivencia da nosa lingua. O feito de colaborar con outras comunidades que están a desenvolver proxectos equivalentes ao proxecto ‘Nós’ nas súas respectivas linguas permitiranos chegar máis lonxe, mellor e máis rápido”, dixo.

Ademais, o profesor Barro quixo tamén destacar a relevancia que o PERTE ten para o propio CiTIUS. “O CiTIUS, ademais de ser o centro de investigación de Galicia especializado en intelixencia artificial, ten nas tecnoloxías lingüísticas un dos seus ámbitos máis importantes de investigación e transferencia. Isto é importante para o centro, pero tamén para Galicia, xa que estas tecnoloxías son das máis importantes e impactantes no eido da IA, algo que resulta obvio tan só con pensar en ChatGPT. Participar no proxecto máis importante de investigación en tecnoloxías lingüísticas de cantos se están a desenvolver en España é unha oportunidade única para seguir ampliando o noso potencial neste campo, axudar ao avance tecnolóxico do galego, e ao do conxunto de linguas de España. É un orgullo e unha gran responsabilidade”.

Neste senso, Manuel González Bedia, director xeral da Oficina do Comisionado para a Nova Economía da Lingua afirmou que “no plano dixital, a unión de todas as linguas é un beneficio para todos”. “Traballar en común significa economía de escala: cada un dos ingredientes benefíciase de compasarse colectivamente co outro; iso parécenos moi importante, tanto no plano político como no técnico”, explicou. Así mesmo, González Bedia mostrouse optimista para futuros escenarios de financiamento, avanzando que “aínda que os instrumentos financeiros cambien e non saian fondos asignados coa etiqueta de ‘linguas oficiais’, outras actuacións poderían reverter neste proxecto, como cátedras ou redes de excelencia en Intelixencia Artificial, xa que todas elas teñen asignacións concretas para tecnoloxías da linguaxe”.

O director adxunto do HiTZ Zentroa (Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua), German Rigau, explicou a importancia de aproveitar a xanela de oportunidade actual no ámbito das tecnoloxías lingüísticas xa que “hai cousas que van evolucionando lentamente, pero de cando en vez aparecen tamén revolucións, como está a suceder agora con ChatGPT”. “Ao cambiar o paradigma, as tecnoloxías teñen que cambiar tamén; hai moita tecnoloxía para inglés, pero non para éuscaro, non para catalán ou para galego, nin para outras moitas linguas que hai en Europa… e se non dispoñemos de tecnoloxía para estas linguas, a xente acabará usando as ferramentas que teña ao seu alcance: se tes un ChatGPT en inglés ou en castelán que vai estupendamente, vas usalo, pero se o queres usar en éuscaro e non te entende, non”, afirmou.

Pola súa banda, Manuel Palomar, director do Centro de Intelixencia Dixital (CENID) de Alacante, quixo poñer en valor a alianza das distintas institucións implicadas. “É imprescindible un proxecto destas características para favorecer as linguas de España e evitar a exclusión dixital, que neste momento está en risco; un consorcio cos principais centros de Galicia, País Vasco, Cataluña e a Comunidade Valenciana benefícianos a todos”, dixo.

Na mesma liña, mostrábase Marta Villegas, responsable da Unidade de Tecnoloxías Lingüísticas no BSC (Barcelona Supercomputing Center), ao afirmar que “o proxecto NEL, o que garante é que nos puxeramos de acordo e nos aliñaramos as diferentes linguas do Estado; podemos compartir recursos, estratexias, métodos… co cal, o resultado final será moito mellor; a estratexia que seguimos, sen dúbida, garantirá un éxito moito maior do que teriamos sen o proxecto, ou mesmo co proxecto, pero sen ir coordinados”, afirmou.

R., 2023-07-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES