
O Goberno galego participou activamente na elaboración da declaración conxunta, na que se destaca como os retos actuais do arco atlántico precisan dunha cooperación superior á existente, sendo a creación da macrorrexión atlántica fundamental e xustificada. A creación deste foro, segundo a declaración, debe contar con representación rexional. Ademais, a posta en marcha do corredor atlántico é considerada como un paso fundamental na cohesión e desenvolvemento destas rexións.
A declaración tamén fai balance da intención da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo nas áreas mariñas protexidas, demandando un diálogo real co sector e as rexións concernidas antes de propoñer calquera cambio lexislativo na actual Política Pesqueira Común. A ampla participación galega neste encontro foi unha mostra da importancia da industria marítima na comunidade, así como a autoridade neste eido a nivel comunitario.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou nos debates referidos á cooperación transatlántica, enerxías renovábeis mariñas e transición verde. Xunto a el tomaron parte outros galegos como Paloma Rueda, directora do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), ou Enrique Mallon, director da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME).
Gamallo expuxo fronte os participantes a axenda enerxética de Galicia que fixa como obxectivo para 2030 que as renovables representen preto do 85 % da xeración eléctrica e 58 % do consumo, obxectivos máis ambiciosos cos fixados a nivel europeo. Tamén destacou a necesidade de investir en formación e reforzo das capacidades para facer fronte e aproveitar o potencial da transición ecolóxica. Sobre a cooperación transatlántica, o director xeral lembrou que as comunidades galegas máis importantes no exterior están na outra beira do Atlántico. Ademais, os lazos lingüísticos e culturais coa lusofonía achégannos en moitos eidos, incluída a pesca.
Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas
Nada en 1973, reúne a máis de 160 rexións da Unión Europea e doutros países. Ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento máis equilibrado do territorio europeo, orientando a súa acción cara a toma en consideración nas políticas europeas das necesidades e intereses das súas rexións membro. Céntrase principalmente na cohesión social, económica e territorial, as políticas marítimas e a mobilidade.
A Comisión do Arco Atlántico é unha das súas seis comisións xeográficas. Reúne a 17 rexións de Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal co obxectivo de promover conxuntamente o seu potencial e a afrontar retos comúns. Galicia pertence a ela dende a súa creación en 1989.
Celébrase o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas, do que sairá elixida a súa nova Comisión Delegada, composta por 13 entidades de España, Europa e América, coa misión de traballar polos intereses dos galegos na diáspora durante os vindeiros tres anos. Na inauguración do Consello foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e o Brasil. Os recoñecidos son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreo de Anciáns da Vellez Desamparada, Regina Jallas, e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-gallega Caballeros de Santiago, de Salvador de Bahía, Lourdes Valencia.
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.