Noticias

Sanidade presenta o programa PROTEGO para a prevención de condutas aditivas

A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, convidou aos equipos de prevención de condutas aditivas, xestionados por concellos e asociacións sen ánimo de lucro, así como a profesionais e asociacións implicados na atención e protección de menores, para darlle difusión ao Programa PROTEGO, e que o poidan utilizar para mellorar as habilidades educativas das familias así como as relacións entre pais e fillos.

Froito desta invitación, asistiron hoxe á xornada de presentación, no edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, ao redor de 105 profesionais dos colectivos antes mencionados. O acto contou con intervención da subdirectora xeral de Programas de fomento de estilos de vida saudables da Consellería de Sanidade, Silvia Suárez Luque.

PROTEGO é un programa de prevención de condutas aditivas, así como de condutas problemáticas favorecedoras de exclusión, de tipo selectivo porque vai dirixido a familias vulnerables e/ou en risco social.

Está baseado no adestramento familiar en habilidades educativas e fomento da parentalidade positiva de pais e nais con fillos e fillas de 9 a 13 anos, con factores de risco, co fin de mellorar as súas habilidades educativas, limitar a exposición dos fillos e fillas aos factores de risco, aumentar os factores de protección e fortalecer as relacións pais/nais cos fillos e fillas. Todo iso, mediante unha metodoloxía de traballo activa e participativa cos pais e as nais.

O programa foi desenvolto pola asociación Promoción y Desarrollo Social (PDS), e está dispoñible en España e noutros países. Está incluído no rexistro EDDRA de boas prácticas europeas en redución da demanda de drogas, así como no rexistro Xchange de intervencións preventivas baseadas na evidencia, ambos os dous do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías.

A súa avaliación mostrou que mellora as habilidades parentais relativas á comunicación, a xestión de conflitos, a cohesión familiar e a vinculación entre pais e fillos, manténdose as melloras no tempo, como evidenciou un seguimento realizado aos 12 meses.

Actualmente, a asociación Promoción y Desarrollo Social está a desenvolver un proxecto que promove o coñecemento de PROTEGO entre os técnicos de prevención, así como o seu uso polos programas de drogas autonómicos e locais, e, entre as súas accións, inclúese a tradución ao catalán, eúscaro e galego dos diferentes materiais para a aplicación do programa, ata o de agora dispoñibles só en castelán, así como a realización de xornadas territoriais de presentación do programa, da súa plataforma colaborativa dixital, e dos seus materiais en linguas autonómicas elaborados no marco do proxecto.

R., 2023-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES