
No encontro, acordaron demandarlle ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación unha reunión urxente para tratar unhas axudas directas que consideran unha discriminación para a nosa comunidade, ao tempo que se creará un grupo de traballo para analizar os sectores máis prexudicados pola seca e os seus efectos de cara a aprobar, se fose necesario, medidas de apoio como axudas directas.
Na reunión constatouse, incidiu o conselleiro, que o Goberno central non tivo en conta nin ás comunidades autónomas nin ás organizacións agrarias -cando menos ás galegas con representación nacional- á hora de decidir as achegas directas que deixarán aos gandeiros galegos tan só cun 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, porcentaxe destinada ás comunidades que o executivo de Madrid establece como de afectación moderada pola seca. Unha porcentaxe -apunta José González- que non se entende como afecta de xeito tan distinto a provincias lindeiras como son Ourense e Zamora, por exemplo. Deste xeito, esas primas quedarán en 39,25 euros por vaca nutriz de carne e en 15,25 euros no caso do vacún de leite. No caso da apicultura, dos 5 millóns previstos para o conxunto do Estado, para Galicia virán unicamente 15.500 euros, outra cantidade considerada insuficiente para a nosa comunidade.
O titular de Medio Rural insistiu en que se trata dunhas medidas electoralistas que se deben rectificar e, nesa liña, remitirase un escrito conxunto entre o Goberno galego e as organizacións agrarias para demandar unha reunión urxente ao ministro de Agricultura e que se poida corrixir a situación creada. Máis aínda, apuntou, cando non se está tendo en conta o extraordinario incremento de custos de produción que se vén acumulando nos últimos dous anos, malia constar na exposición de motivos das propias medidas publicadas o pasado venres.
Ao tempo, Xunta e as organizacións agrarias crearán un grupo de traballo para analizar sector por sector cales son os máis prexudicados non só pola seca senón tamén polos seus efectos, tendo en conta que a maioría dos insumos proceden de rexións con maior afectación pola falta de choivas e -en casos como o da palla, por exemplo- mesmo se triplicou o prezo. Así, insistiu o conselleiro, unha vez se teñan todos os datos sobre a mesa, e tendo en conta que os prezos en orixe non están cubrindo a suba de custos de produción -especialmente en casos como o do vacún de carne-, o Goberno galego seguirá ao carón do sector primario e aprobará, se fose necesario, novos apoios para garantir o seu futuro.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.