
Galicia acadou no mes de abril a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996, con 139.343 persoas, sendo a terceira vez, tamén desde 1996, que o número de desempregados cae por debaixo das 140.000 persoas: en xullo de 2007 situouse nas 139.998 persoas e en xullo de 2022 nas 139.850. Así o destacou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na valoración que fixo dos datos do paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social. Sinalou a coherencia das cifras, xa que o paro caeu e as afiliacións creceron tanto na evolución anual como mensual. Tamén indicou que os datos amosan, como na última EPA (1º trimestre 2023), que a poboación activa que se incorpora ao mercado de traballo é poboación ocupada.
No referido ás cifras do desemprego, apuntou que descenderon con respecto a hai un ano e na comparativa con marzo nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, así como nos colectivos prioritarios para a Xunta como son, entre outros, os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.
Na comparativa con abril de 2022, o paro diminuíu nun -7,48 % (-11.259 persoas). Por sectores, liderou o descenso o primario (-16,86%), seguido da industria (-13,74 %), da construción (-9,88 %) e dos servizos (-6,58 %).
Por colectivos prioritarios, decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-13,52 %) seguido das mulleres (-6,56 %) e dos parados de longa duración (-4,19 %). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2006) para este mes. Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun abril desde 2009.
As afiliacións, pola súa banda, continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra (1.050.315) a un nivel superior ao reflectido hai 14 anos, en abril de 2009.
En canto á comparativa co mes pasado, o paro tamén diminuíu en Galicia, nun -1,77 % (-2.504). Por sectores económicos, liderou a caída o primario (-1,96 %), seguido dos servizos (-1,82 %), da industria (-1,59 %) e da construción (-1,24 %). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,65 %.
Lorenzana, para rematar, sinalou que Galicia segue na senda da recuperación e apuntou á importancia de continuar a traballar para crear máis emprego de calidade para que os empregos novos sexan non só en cantidade, senón en calidade.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.