
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor a fortaleza do sector do mar de Galicia e o récord sen precedentes que acadou no 2022 no campo das exportacións ao superar os 2.700 millóns de euros de facturación. Nesta liña, expuxo que a comercialización internacional de produtos do mar é unha oportunidade para o crecemento do sector fronte á crise de prezos actual que se engade ás dificultades vividas pola pandemia da covid-19 ou a guerra en Ucraína, que afecta ao acceso a determinadas materias primas.
Así o sinalou hoxe en Vigo durante un almorzo-coloquio do VII Galicia Market Place dedicado ao mar. Alí tamén fixo fincapé na tendencia crecente dos últimos anos neste ámbito pois desde 2017 -exercicio no que se rompeu o teito dos 2.000 millóns de euros de facturación- os datos non baixaron desa cifra. De feito, puntualizou, os do ano pasado superan nun 12% aos de 2021 e a media dos últimos seis anos está próxima aos 2.300 millóns de euros.
Ademais, Rosa Quintana expuxo a necesidade de seguir apostando pola promoción do consumo e a comercialización de produtos do mar para impulsar a competitividade da cadea mar-industria. Neste contexto, a titular de Mar subliñou que é clave a rebaixa do IVE dos produtos do mar para igualar o tipo fiscal ao doutros países da Unión Europea.
Galicia, lembrou, leva tempo insistindo ao Goberno central nesta demanda pois a redución ou eliminación do IVE incentivaría o movemento no mercado, contribuiría a reactivar o consumo e aliviaría a situación das familias, principalmente as de baixos ingresos. Máxime, engadiu Rosa Quintana, no contexto de inflación actual, que deriva na suba do prezo das materias primas e nun descenso no consumo de produtos do mar en España. Unha situación que cualificou de especialmente inxusta tendo en conta que o Executivo estatal baixou o IVE doutros produtos considerados alimentos básicos como o aceite ou a pasta.
De feito, a conselleira citou tamén os exemplos doutros países como Irlanda, Malta, Chipre ou Hungría nos que os tipos de IVE dos produtos do mar varían entre o 0 e o 5%. Nesta liña, destacou o caso de Portugal, que recentemente decidiu eliminar o IVE dos peixes de maior consumo e do atún en conserva.
Esta medida, subliñou, debería sentar un precedente para o Goberno español, que continúa sen atender a demanda da comunidade galega xerando un agravio comparativo no contexto europeo. Nesta liña, Rosa Quintana sinalou que Galicia seguirá insistindo nesta petición e defendendo o papel esencial do sector marítimo-pesqueiro na subministración de alimentos de calidade á cidadanía e na contribución á dieta atlántica.
A titular de Mar, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, aproveitou tamén a ocasión para salientar o vínculo do aspecto sanitario e nutricional cos produtos do mar. De aí, engadiu, a importancia das campañas para impulsar o consumo de peixes e mariscos en fresco ou transformados e para apoiar o labor dos profesionais do mar.
VII Galicia Market Place
O Galicia Market Place é un evento organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia que aborda a situación de distintos sectores da economía galega. A xornada de hoxe, pertencente á sétima edición desta iniciativa, estivo centrada na pesca e na posta en valor dos produtos do mar para unha alimentación saudable. Entre as actividades que incluíu están mesas redondas e conferencias coa participación de diferentes axentes relacionados coa cadea mar-industria así como degustacións de produtos do mar.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.