
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos do paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social destacando que Galicia pechou marzo coa cifra de desemprego máis baixa de toda a serie histórica (1996) neste mes. Salientou que o paro caeu e as afiliacións creceron tanto na evolución anual como mensual. Seguimos cunha liña continuada e constante de baixada do paro e de subida das afiliacións, engadiu.
Con respecto a marzo do pasado ano, o paro diminuíu nun -7,49% (-11.489 persoas), unha caída que se reflectiu nas catro provincias e nas sete grandes cidades galegas; tamén en todos os sectores económicos, liderando o descenso o primario (-16,10%), seguido da industria (-12,13%). Por colectivos prioritarios para a Xunta tamén decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-11,02%) seguido das mulleres (-6,86%) e dos parados de longa duración (-4,70%). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2006) para este mes. Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun marzo desde 2009.
As afiliacións, pola súa banda, continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra (1.043.530) a un nivel superior ao reflectido hai 14 anos; e a contratación indefinida aumentou tamén, nun +7,48% en Galicia.
En canto á comparativa co mes pasado, o paro tamén diminuíu en Galicia, nun -1,56% (-2.245). Lorenzana salientou que o desemprego con respecto a febreiro descendeu en todos os sectores económicos, liderando a caída a construción (-2,49%), seguido da industria (-2,14%). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,74%, así como a contratación en xeral e nas modalidades indefinida e a tempo completo con respecto a febreiro.
Lorenzana, para rematar, apuntou á importancia de seguir a traballar na casación de oferta e demanda laboral e na atracción de persoas traballadoras, máis poboación activa, a través do programa Retorna Cualifica Emprego.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.