Noticias

Unanimidade das universidades galegas fronte ao borrador de Real Decreto de Selectividade

Nos últimos tempos puidéronse consultar distintos borradores de Real Decreto sobre a proba de acceso á universidade. O 15 de marzo de 2023 fíxose público un novo borrador de Real Decreto, agora denominado “Proxecto de Real Decreto polo que se regulan as condicións para o acceso e a normativa básica dos procedementos de admisión aos ensinos universitarios oficiais de grao”, con previsión de aplicación nas probas de acceso á Universidade a partir do ano 2024. O devandito borrador non só incide nas probas, tal e como aparecía nos anteriores borradores, senón que incorpora cambios na normativa de acceso e admisión ás universidades públicas.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional e o Ministerio de Universidades abriron un proceso de participación que comezou o día 16 de marzo, con data límite para presentar achegas o 27 de marzo de 2023, é dicir, 12 días naturais. Nese limitado espazo de tempo puxéronse de acordo todas as universidades públicas dos 17 distritos universitarios para presentar o mesmo documento desde todas as universidades públicas, feito que consideran extremadamente relevante. Todas e cada unha das universidades públicas de Andalucía, Aragón, Comunitat Valenciana, Canarias, Cantabria, Castilla y León, Castilla-La Mancha, Catalunya, Euskadi, Extremadura, Galicia, Illes Balears, La Rioja, Madrid, Murcia, Navarra e o Principado de Asturias remitiron, a través da páxina habilitada polo Ministerio, o mesmo documento de alegacións para unha mellora substancial do texto sometido a participación pública. Trátase dun documento de 17 páxinas que os 17 distritos consensuaron no mencionado espazo de tempo, con cuestións que varían desde a duración das probas, a composición dos tribunais, os procedementos de reclamación, o procedemento de admisión, ou os prazos para prazas vacantes, para un total de 20 propostas de mellora que esperan sexan tidas en consideración.

O devandito documento, elaborado polas encargadas/os de organizar esas Probas e a Admisión nos graos universitarios, foi secundado por todas as vicerreitoras/es responsables do acceso e admisión nas universidades públicas. No seu desenvolvemento detállase unha importante serie de cuestións de carácter técnico relacionadas coa estrutura, a organización e os procedementos das probas, cunha postura unánime de que comprometen a viabilidade das Probas e dos procesos de admisión.

Ademais, todas as universidades públicas españolas consideran desleal pola súa banda non facer mención aos crecentes sinais de inquietude que lles traslada o profesorado de Bacharelato, orientadores e harmonizadores/as das materias, compartindo a profunda preocupación pola viabilidade de implantar o modelo de avaliación por competencias o próximo ano, pois son demasiadas as incógnitas e demasiado pouco tempo para incorporalas a un Bacharelato con currículo novo, novos materiais e un modelo de avaliación nunca ensaiado en segundo de Bacharelato e descoñecido aos ollos de quen ha de dar instrucións desde as universidades sobre as directrices concretas de cada materia.

Xunto a esta advertencia, que pon o foco nas serias dúbidas sobre a posibilidade de implementar as reformas sen suficientes garantías para un proceso no que o alumnado se xoga boa parte do seu futuro, as universidades destacan os efectos perniciosos dalgúns piares do borrador de Real Decreto. É o caso, por exemplo, da duración dos exames, que ao pasar de 90 a 105 minutos obrigará a aumentar os días de duración das probas ata a 6 días, prolongando innecesariamente o estado de tensión do alumnado en detrimento do seu rendemento. Nesta cuestión, insisten as universidades, a proposta supón de facto a exclusión do acceso á universidade do estudantado que ten dereito a adaptacións de máis tempo, pois este colectivo enfrontaríase a algo impensable como 3-4 exames diarios de 145 minutos, durante varias xornadas.

Co mesmo coñecemento de causa detállanse, unha tras outra, ata 19 alegacións máis sobre procedementos de reclamación, prazos, composición de tribunais, estudantado estranxeiro, estudantes con estudos universitarios, procesos de admisión ou criterios de adxudicación de prazas, etc. Todo iso termina debuxando unha percepción clara de que a reforma que se propón adoece do debido acougo na toma de decisións e da tranquilidade suficiente para regular algo de tanta transcendencia social, e repercusións de todo tipo, como é o caso das probas que permiten o acceso á universidade.

R., 2023-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES