Noticias

Galicia reforza a súa capacidade de predecir eventos mariños extremos e actuar ante calquera emerxencia

A directora do Intecmar salientou hoxe que a comunidade traballa no marco do proxecto europeo MyCoast para estar o mellor preparada posible na análise dos riscos por eventos mariños extremos e poder actuar ante calquera emerxencia marítima ou costeira. Fíxoo durante a inauguración dunha mesa de traballo titulada Ferramentas para abordar os riscos nos observatorios costeiros e celebrada ao abeiro desta acción de investigación europea.

A representante do centro dependente da Consellería do Mar, que estivo acompañada polo subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Isaac Gómez, lembrou que o obxectivo desta iniciativa europea é mellorar a capacidade dos sistemas de xestión de riscos no Espazo Atlántico mediante unha maior coordinación entre países e rexións construíndo á creación dun observatorio operacional transnacional que ofreza máis datos e información valiosa.

Con ese fin, os integrantes de MyCoast -15 socios de cinco países aos que se engades outros sete organismos asociados- abordarán a coordinación dos distintos observatorios costeiros coa finalidade de que as sinerxías acadadas permitan despregar ferramentas para actuar en episodios como inundacións por eventos mariños extremos, seguridade marítima ou prevención e mitigación da contaminación costeira.

Neste contexto, a directora do Intecmar subliñou que Galicia aportará a súa experiencia en iniciativas como o observatorio costeiro RAIA, da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, no que se dispoñen de sistemas avanzados de observación e predición costeira.

Pola súa banda, o subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático destacou a importancia de contar con información océano-meteorolóxica de alta calidade no litoral galego, que axude a xestionar os riscos costeiros, aproveitando para elo as capacidades das rexións participantes.

Así mesmo, Isaac Gómez recalcou que, no contexto do cambio climático, estes riscos poderán verse incrementados no futuro, polo que a Xunta continuará traballando xunto con outras institucións tanto de España como de Europa co fin de incrementar a resiliencia do litoral.

Socios

No proxecto MyCoast participan seis organismos de España: o Intecmar, Meteogalicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o centro tecnolóxico vasco AZTI (que exerce de coordinador), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e Puertos del Estado. A eles engádense tres de Portugal -o Instituto Superior Técnico de Lisboa, o Instituto Hidrográfico da Mariña lusa e a empresa Qualitas Instruments-, dous de Francia -o Servizo Hidrográfico e Oceanográfico Naval e o instituto nacional de investigación mariña integrada Ifremer-, tres do Reino Unido -o Centro de Ciencias Ambientais, Pesqueiras e Acuícolas (Cefas) de Inglaterra e Gales, o Laboratorio Mariño de Plymouth e a Mariña escocesa- e un de Irlanda, o Instituto Mariño Irlandés.

Esta iniciativa está financiada polo programa de cooperación transnacional europeo Interreg Espazo Atlántico e pretende fortalecer a coordinación entre os distintos observatorios costeiros que interveñen na investigación facilitando o desenvolvemento de ferramentas para actuar ante incidentes marítimos de distinta índole. Ese labor contribuirá a mellorar a concienciación sobre os riscos existentes e axudará a identificar e promover oportunidades para o sector privado.

Na mesa de traballo celebrada hoxe na sede da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), participan tanto representantes do Intecmar como de MeteoGalicia así como doutros organismos dependentes da Xunta relacionados con este ámbito como o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Augas de Galicia ou a Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

, 2023-03-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES