Noticias

Galicia bate o seu récord histórico de exportacións e alcanza por primeira vez os preto de 30.000 M€

Galicia logrou en 2022 un novo rexistro histórico en exportacións, achegándose por primeira vez aos 30.000 millóns de euros (en concreto, 29.886 millóns). Isto supón 4.600 millóns de euros máis e un 18,3% máis de vendas ao exterior que no 2021, que tiña o mellor rexistro ata o de agora. Por sectores destacan os incrementos en industrias clave para Galicia como o sector téxtil, cun +21,1% en vendas ao exterior que en 2021; a industria química, cun +47,3%; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +45,4%; ou a metalurxia, cun +16,5%. Por países rexistráronse importantes subas nas vendas a Países Baixos (+86%); Alemaña (+30,9%); Portugal (+27,4%); ou Bélxica (+25,7%); EEUU (+21,2%); México (+48,4%) ou Oriente Medio (+52,5%).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que Galicia logrou en 2022 un novo rexistro histórico en exportacións, achegándose por primeira vez aos 30.000 millóns de euros (en concreto, 29.886 millóns). “Isto supón 4.600 millóns de euros máis e un 18,3% máis de vendas ao exterior que no 2021”, que tiña o mellor rexistro ata o de agora, indicou.

Rueda subliñou ademais que Galicia pechou o ano pasado “cunha balanza comercial positiva”, algo que “non ocorreu no conxunto de España”. Nesta liña, lembrou que Galicia finalizou 2022 cun saldo favorable de 2.802 millóns de euros -na comparativa entre as vendas ao exterior e as importacións-, alcanzando así a terceira mellor balanza en termos absolutos. Esta tendencia positiva non se produce no conxunto do Estado, onde o saldo comercial pechou en números vermellos (-68.112M€). As exportacións galegas supoñen o 7,7% do total de España.

Por sectores destacan os incrementos en industrias clave para Galicia como o sector téxtil, cun +21,1% en vendas ao exterior que en 2021; a industria química, cun +47,3%; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +45,4%; ou a metalurxia, cun +16,5%.

Por países rexistráronse importantes subas nas vendas a Países Baixos: +86%; Alemaña (+30,9%); Portugal (+27,4%); ou Bélxica (+25,7%). Fóra de Europa destaca a suba en EEUU (+21,2%), México (+48,4%) ou Oriente Medio (+52,5%), contribuíndo así a impulsar a diversificación dos mercados.

O número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano foi de 8.496, mentres que o número de exportadoras regulares –as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, alcanzou as 2.653, un 3,5% máis que en 2021.

Para seguir contribuíndo a estes datos, o Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan de Misións Comerciais, ao que se destinarán 2,3 millóns de euros “co obxectivo de impulsar accións de internalización en pemes e grandes empresas galegas”, indicou Rueda, quen explicou que a previsión é promover “ata 200 iniciativas en 30 países”. Esta medida forma parte da Estratexia de Internacionalización da Xunta, que en total dedicará máis de 20 millóns de euros este ano a colaborar co tecido empresarial galego e tratar así de contribuír ao mantemento do mellor ciclo exportador da historia de Galicia.

O Plan de Misións Comerciais, que desenvolve a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, recolle dúas liñas. A primeira céntrase nas pequenas e medianas empresas e suma máis do 80 % do orzamento, mentres que a segunda está pensada para as grandes empresas, na procura de que estas poidan participar nas misións achegando a súa experiencia e volume como efecto tractor para a dinamización internacional do tecido empresarial.

O obxectivo é que arredor de 600 compañías tomen parte nas accións de promoción, favorecendo o seu posicionamento nos mercados exteriores. Para acadar esta meta, destínanse case dous millóns a pequenas e medianas empresas, contía que se complementa con 360.000 euros para grandes compañías na procura de que contribúan á expansión internacional das de menor tamaño.

O programa, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial, entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a súa idoneidade para as empresas galegas.

As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90 % no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que chega ata o 70 % para as grandes empresas.

Cómpre salientar que desde o ano 2014 o Goberno galego ten destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.

R., 2023-02-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES