Noticias

A oferta cultural galega de 2022 acada a súa mellor valoración histórica en calidade e innovación

A oferta cultural galega en 2022 acada a súa mellor valoración histórica en calidade e innovación e sitúase como a sexta máis destacada de España. Así se desprende do ranking que vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, elaborado en base ás opinións de máis de 400 profesionais do sector de toda España. O informe sitúa a oferta galega entre as mellores. É a terceira comunidade que máis puntos sobe, un total de 7,7 máis.

Isto permítelle escalar dous postos na listaxe e colocarse sexta, por detrás de Madrid, Cataluña, País Vasco, Comunidade Valenciana e Andalucía. Por cidades, A Coruña entra no top ten das 40 con mellor programación. Sobe seis postos e sitúase na décima posición, con máximos históricos. Tamén están Santiago de Compostela, na 15 posición, e Vigo na 26.

O Observatorio da Cultura inclúe ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Xacobeo no ranking español sobre o mellor da cultura en España en 2022 e, ademais, o Festival Internacional Outono de Teatro FIOT de Carballo, apoiado pola Xunta, entra na categoría de Insignias culturais de España, como unha das iniciativas máis destacadas.

Mellores propostas galegas

No ranking autonómico, a Cidade da Cultura de Galicia volve situarse entre as tres propostas galegas máis valoradas das 20 que integran a listaxe na que, nun ano con gran protagonismo do Xacobeo, se inclúen diversos museos galegos, así como propostas de artes escénicas e musicais. Tamén están altamente valoradas Escenas do Cambio ou o Centro Dramático Galego, que se incorporan por primeira vez a esta listaxe.

O informe valora, así mesmo, propostas singulares desenvolvidas no medio rural e novamente Galicia destaca, con seis iniciativas entre as mellores de España. Trátase de Cultura no Camiño e os festivais Agrocuir da Ulloa, Bal y Gay na Mariña lucense, Cans no Porriño, o Festival da Luz en Boimorto e o Festival dos Eidos no Courel.

Galicia aspira a manter e mellorar a valoración durante este ano, para o que vén de aprobar o novo Plan Xeración Cultura 2023 cun investimento de 34 millóns de euros. Inclúe unha batería de accións para seguir co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos. É froito do empeño da Xunta por achegar a cultura a todas as persoas en todo o territorio e modernizar as estruturas empresariais e de creación. Estruturado en cinco eixes e 57 accións, permitirá desenvolver dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade e pór en marcha seis plans sectoriais.

R., 2023-02-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES