
Comisariada por Manuel Gago e co asesoramento do investigador especializado na historia de Ferrol, Guillermo Llorca, a exposición fixo un percorrido polo Ferrol naval, obreiro e ilustrado, do que puideron gozar 7.130 persoas. Destas, 308 participaron nas visitas guiadas organizadas cos comisarios e 1.100 corresponden ás actividades didácticas para centros educativos.
Ademais, a mostra complementouse con diversas iniciativas que contribuíron a espertar o interese pola evolución histórica da cidade. Entre estas propostas, realizouse unha visita coa veciñanza relacionada con algunhas das pezas exhibidas, como é o caso, por exemplo, da neta de Ángela Ruiz Robles, inventora da Enciclopedia Mecánica que puido observarse nunha das vitrinas da exposición. O pasado sábado tivo lugar unha última visita a modo de clausura na que tomou parte ao completo o comité asesor local da mostra, formado por expertos en distintas disciplinas.
Esta exposición forma parte do proxecto expositivo Cidades no tempo, que contempla unha mostra a cada unha das sete principais urbes galegas, poñendo en valor a identidade urbana de Galicia. Tras Santiago e Ferrol, en marzo chegará a Lugo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.