
Insistiu tamén en que é precisa unha maior axilización na execución dos mesmos. Temos proxectos moi importantes como Resonac (antes Showa Denko), Altri, Stellantis ou Sentury que non teñen concretado como acceder a estes fondos, apuntou o vicepresidente primeiro da Xunta, quen subliñou que estamos nunha situación de punto morto tanto na adxudicación das axudas como na concesión de préstamos.
Segundo remarcou o responsable de Economía, Industria e Innovación en relación aos Perte, nestes momentos tan só se ten convocado un 30% das axudas con apenas un 13% das resolucións, e polo tanto, indicou que existe unha enorme dificultade para que os investidores poidan tomar decisións. Tal e como subliñou Conde, non houbo propostas concretas por parte do Ministerio, simplemente se nos trasladou a importancia de trasladar achegas, pero non houbo contestación ás achegas que xa temos trasladado, e tampouco se concretaron cales son as condicións coas que as empresas van poder acceder aos préstamos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.