Noticias

O Sergas avanza na creación dunha rede de radioterapia que suporá melloras na calidade asistencial

'Queremos seguir avanzando na creación dunha rede única que vinculará aos diferentes servizos de Oncoloxía Radioterápica de Galicia, o que, sen dúbida, redundará en beneficio de todos os pacientes galegos'. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Hospital Meixoeiro, nunha Xornada de transferencia de coñecemento interno: Rede de radioterapia do Sergas, acto no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente.

A creación dunha Rede de Radioterapia do Sergas 'traerá consigo melloras indubidables na calidade asistencial, non só aos doentes e ás súas familias, senón, tamén, aos profesionais de cada unidade'.

Sumar as fortalezas de cada servizo e cada profesional que o integra fará, -remarcou o conselleiro-, 'que se combinen as habilidades de cada membro do equipo para acadar metas comúns'.

Segundo incidiu o responsable da carteira sanitaria do Executivo galego, 'a tecnoloxía é un aliado e traballar con ela supón un considerable aumento da eficiencia no día a día dos profesionais do Sergas. Todo iso se traduce nunha mellora na calidade do tratamento, permitindo unha maior personalización do mesmo'.

Na súa intervención no acto, Comesaña destacou que todos estes avances non serían posibles sen a colaboración dos oncólogos radioterapeutas, radiofísicos, técnicos, persoal de enfermería e informáticos, aos que lles agradeceu o esforzo realizado.

Compromiso de Galicia coa investigación contra o cancro

Tamén destacou Comesaña, a posta en marcha de proxectos como o Centro de Protonterapia. Así, a finais do pasado ano, o Consello da Xunta autorizou, por máis de 22 millóns de euros, a contratación da redacción do proxecto básico e de execución, obra e dirección de obra deste centro, convertíndose Galicia na primeira comunidade en licitar a obra para instalar o seu centro de protonterapia.

A este proxecto de Protonterapia engádese o Centro de fabricación de terapias avanzadas CAR-T. Dous exemplos, 'que amosan o compromiso de Galicia coa investigación contra o cancro'.

Renovación de equipamento

A Xunta viviu, nos últimos sete anos, dous grandes períodos de renovación de equipamentos de radioterapia, que serviron para situar aos hospitais galegos na vangarda dos tratamentos oncolóxicos, ao permitir incorporar 14 novos aceleradores lineais para mellorar a sanidade pública galega.

O primeiro destes procesos de renovación veu da man do convenio de colaboración asinado coa Fundación Amancio Ortega. Dotado cun importe de máis de 19 millóns de euros, permitiu adquirir, seguindo os criterios clínicos do Sergas, dez novos aceleradores lineais, (un deles intraoperatorio) e a actualización doutros dous.

O segundo proceso de renovación lévase a cabo entre os anos 2022 e 2023, da man dos fondos europeos Next Generation. A través da canalización destes fondos, contratouse a adquisición de novos equipos, por máis de 68 millóns de euros, para todos os hospitais públicos de Galicia.

No que se refire a equipamento en Radioterapia, estes contratos posibilitaron a adquisición de seis novos equipos: un novo equipo de braquiterapia no Lucus Augusti, a renovación do equipo de braquiterapia no Complexo Hospitalario de Santiago, a renovación de dous aceleradores lineais do Complexo Hospitalario de Ourense, e a adquisición de dous novos aceleradores lineais para o hospital Montecelo de Pontevedra, que permitirán a posta en marcha dun servizo de radioterapia propio nesta área sanitaria.

R., 2023-01-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES