Noticias

Galicia reforzará a súa participación no recurso da frota contra o veto á pesca de fondo

O Consello da Xunta analizou hoxe os pasos a dar pola comunidade autónoma para acompañar ao sector pesqueiro galego no seu recurso contra o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas en 87 zonas de augas comunitarias e constatou a necesidade de recorrer a xuristas especializados en dereito comunitario para que as súas demandas ante a Xustiza europea teñan máis posibilidades de prosperar. O Executivo galego -que actuará como parte coadxuvante no recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7)- defende tanto a suspensión temporal da aplicación desta prohibición como a súa anulación definitiva, polo que decidiu contratar un servizo xurídico especializado para reforzar e apuntalar a súa estratexia e a da propia OPP co fin de acadar os mellores resultados posibles.

O prazo para que a comunidade poida exercer a súa potestade de actuar como parte coadxuvante será de seis semanas unha vez que o recurso da frota saia publicado, para información pública, no Diario Oficial da Unión Europea. A partir dese momento será fundamental actuar con celeridade e cunha estratexia ben definida, polo que se fai necesario recorrer a profesionais con experiencia na materia e familiarizados cos procedementos que rexen nas accións ante os tribunais europeos.

A Xunta exercerá así a mellor defensa posible dos seus intereses pilotando unha acción que a Asesoría Xurídica Xeral non pode exercer por si soa ao precisar de medios destacados ante os tribunais europeos. A mediación de xuristas especializados neste eido permitirá achegar os argumentos axeitados e artellar mellor a estratexia de defensa contra unha decisión totalmente desproporcionada, sen consulta previa e carente de informes científicos e socioeconómicos que a avalen.

A acción xurídica de urxencia do Executivo galego acompañando ao sector -que exercerá o bufete J&A Garrigues por importe de algo máis de 90.000 euros- pretende poñer fin a un veto que afecta a arredor de 200 buques galegos de xeito directo ben porque non poden faenar nas zonas vedadas ben polo solapamento de áreas de pesca, é dicir, pola concentración no mesmo espazo das embarcacións que viñan faenando tradicionalmente alí xunto coas expulsadas das zonas restrinxidas.

A aplicación desta medida está a provocar a conversión de embarcacións de palangre de fondo -unha das artes máis selectivas e a máis afectada polo veto- á volanta co obxectivo de eludir a prohibición e poder faenar con relativa normalidade. Esa práctica, xunto a outros factores alleos, motivou que desde a entrada en vigor da prohibición -o pasado 9 de outubro- as capturas e a facturación da frota galega que faena no Gran Sol tivesen un comportamento estable pero cunha distorsión da oferta habitual.

Neste sentido, a longo prazo pode supoñer importantes prexuízos tanto por unha posible insuficiencia das cotas de pesca das principais especies -a volanta é máis intensiva no consumo das posibilidades de captura que o palangre- como por unha probable caída da oferta dun dos produtos máis recoñecidos e valorados das lonxas galegas como é a pescada do pincho.

R., 2023-01-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES