
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do Consello Asesor do CGAC, que este ano conmemora o seu 30 aniversario. No encontro fíxose balance da súa actividade tras pechar 2022 con 49.150 visitantes, un 30% máis que o ano pasado, o que supón consolidar a súa recuperación pospandemia.
Organizáronse 14 exposicións e máis de 200 actividades, entre simposios, visitas organizadas, presentacións de libros, retrospectivas cinematográficas ou talleres expositivos. Entre as mostras expositivas destacaron, entre outras, O museo como escenario; Narelle Jubelin. Nalgures; Suso Fandiño. Wunderkammer; Camiños III; Claudio Zulian. Vidas ou Raniero Fernández. O Arquivo.
Ademais das exposicións e da actividade que lle achegan ese carácter de centro dinámico e multidisciplinar, o CGAC tamén destaca pola súa colección permanente, que medrou tamén o ano pasado. Desde a súa creación, atesora máis de 1.300 pezas de artistas galegos e internacionais, portugueses e latinoamericanos. O último ano adquiríronse 26 obras máis para a súa colección.
No encontro avanzouse tamén sobre as distintas accións conmemorativas que se organizarán con motivo da programación do seu 30 aniversario durante este 2023, no que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades incrementa o orzamento para o CGAC un 4,8%. Incluiranse exposicións, congresos, xornadas e distintos espectáculos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.