
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Lourenzá no acto de apertura das celebracións das Letras Galegas 2023 dedicadas este ano a Francisco Fernández del Riego, coincidindo co 110º aniversario do seu nacemento. No acto salientou a oportunidade desta efeméride para dar maior visibilidade ao gran legado histórico e intelectual que deixou na lingua e literatura galegas así como nas principais institucións culturais de Galicia un dos arquitectos académicos máis importantes da nosa historia literaria.
O titular de Cultura da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo de manifesto a propia produción de Fernández del Riego, como un dos máis prolíficos ensaístas do século XX e XXI, así como a que foi quen de estimular. Os seus estudos permitiron afondar na visión historiográfica e material que existía sobre as distintas manifestacións da lingua e literaturas galegas a través do tempo e tamén enriquecer o uso da lingua, expresou.
Tamén salientou o seu papel dinamizador da vida literaria, cultural e intelectual de Galicia, primeiro como fundador de Editorial Galaxia, e, xunto a Ramón Piñeiro, de Grial, a publicación que sería referencia da literatura en galego e das reflexións sobre Galicia, ao tempo que recordou o seu papel en numerosas asociacións e agrupacións a prol da lingua e das súas expresións, desde o Seminario de Estudos Galegos (que este ano celebra tamén o seu centenario) ata a Real Academia Galega ou a Fundación Penzol, que celebra o seu 60 aniversario e foi fundada por el e na que depositou o seu legado.
Actividades de homenaxe todo o ano
Román Rodríguez considerou de auténtica xustiza dedicar este ano a Fernández del Riego tendo en conta, ademais, que un dos maiores legados que deixou foi a creación do Día das Letras Galegas como unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos os que contribuíron a enriquecer a nosa lingua e ampliar o noso horizonte intelectual.
Neste sentido, avanzou que a Xunta traballa xunto a outras institucións e entidades culturais galegas nunha programación dinámica e ampla para homenaxear ao escritor laurentino e poñer en valor o seu amplo patrimonio documental e intelectual. Ademais de ofrecer unha maior visibilidade á súa pegada histórica na literatura galega e nas principais institucións culturais de Galicia, o propósito é exhibir a importancia e vixencia que teñen os traballos e obras de Del Riego para todos os galegos.
Foto: Wikipedia
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.