Noticias

Galicia considera negativo o acordo de posibilidades de pesca para 2023 pois apenas supón avances respecto da proposta inicial da Comisión Europea

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou hoxe que o resultado do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se fixaron os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2023 en augas comunitarias é negativo para Galicia e España pois apenas supón avances en relación coa proposta inicial presentada pola Comisión Europea. A titular de Mar, que estivo seguindo co sector desde Bruxelas o avance dos debates malia non formar parte da delegación negociadora española -composta polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Goberno cántabro en representación das comunidades autónomas españolas-, lamentou que neste cumio non se acadase ningún dos obxectivos marcados para atender as necesidades da frota galega e española.

Rosa Quintana lamentou que, tras tantas horas de negociación -foi un dos Consellos de Ministros de Pesca máis longos dos últimos anos-, os avances fosen escasos e España volvese practicamente como foi a Bruxelas, coa maioría de propostas iniciais que facía a Comisión Europea intactas e baseadas exclusivamente nos informes científicos, sen ter en conta os aspectos sociais e económicos.

A representante da Xunta salientou que nas especies de gran impacto que partían cunha proposta moi negativa de cero capturas, non se avanzou en gran medida. No caso do xurelo do Cantábrico e de Gran Sol, fronte a esa proposta de peche da pesqueira, estableceuse un TAC de 15.000 toneladas (3.000 para España), o que supón un recorte do 80% en relación con 2022. Ademais esa cota queda condicionada á pesca accesoria, o que pode impedir a súa captura pola frota de cerco, e sen flexibilidades interanuais nas posibilidades de captura nin aumentos nos intercambios entre as zonas norte e sur.

No caso da anguía, que na actualidade contaba cunha veda de tres meses, agora establécense dúas vedas trimestrais, unha obrigatoria entre novembro de 2023 e xaneiro de 2024 e outra a elixir entre os meses de marzo e setembro de 2024. No caso da angula, tamén contará con dúas vedas trimestrais para velar polo estado do recurso.

O balance global dos TAC e cotas para 2023 supón un aumento das posibilidades de pesca do 25%, pero baseado fundamentalmente na proposta inicial realizada polos científicos do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) e que foi asumida pola Comisión Europea. Destaca a suba da pescada en augas ibéricas -que duplica a cota de 2022- unha vez corrixido o erro que tiñan os científicos no modelo matemático de avaliación do seu estado e que supuxo nos últimos anos recortes nas posibilidades de pesca desta especie.

Entre os incrementos tamén están a mellora do 12% no peixe sapo e do 33% no rapante de augas ibéricas así como a repunta do 15% no xurelo da zona sur, entre Fisterra e o golfo de Cádiz. A maiores o acordo permitiu manter as cotas de captura do linguado e do abadexo en augas do Cantábrico, para os que inicialmente se propoñía un recorte do 10%.

A titular de Mar lamentou que non se producisen maiores avances e que as negociacións da delegación española coa Comisión Europea non desen un mellor resultado para a frota galega e española. Neste sentido, subliñou tanto a escasa empatía como a intransixencia mostrada polo Executivo comunitario e a nula consideración dos esforzos realizados polo sector nos últimos anos para manter en bo estado as pesqueiras.

Na mesma liña, Rosa Quintana destacou que o resultado deste Consello de Ministros de Pesca da UE pode supoñer certas complicacións para o desenvolvemento da actividade por parte da frota de cerco -froito do axuste no xurelo do norte-, unha dificultades que se engaden ás que xa está a sufrir a frota de palangre de fondo como consecuencia do veto fixado por Bruxelas en 87 áreas de augas comunitarias.

Augas compartidas co Reino Unido

As negociacións desenvolvidas entre o pasado domingo e esta madrugada tamén serviron para establecer que nos caladoiros de augas compartidas co Reino Unido se fixan cotas provisionais proporcionais ao TAC deste ano á espera de que se acade un acordo entre a Comisión Europea e o Goberno británico. Esta medida pretende dar estabilidade á actividade do sector mentres non hai unhas cotas definitivas.

A titular de Mar lamentou que, unha vez máis, a Comisión Europea deu prioridade aos aspectos medioambientais fronte aos sociais e os económicos e apelou á necesidade de que haxa un equilibrio neses tres aspectos para garantir tanto o bo estado dos recursos como o mantemento da actividade da frota. 

Ante esta situación, Rosa Quintana incidiu en que Galicia seguirá a traballar da man do sector co obxectivo de que poida desenvolver o seu labor con normalidade e seguir demostrando ás autoridades europeas que realiza unha pesca responsable, o que permitiu que a maioría dos caladoiros nos que faena se atopen no rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que se pode extraer dunha poboación sen prexudicar o estado do recurso.

R., 2022-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES