Noticias

Galicia solicita no Comité Europeo das Rexións que se mellore a aplicación e o funcionamento da Política Pesqueira Común

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se abordou o programa de traballo da comisión NAT para 2023. Conforme ao recollido nas prioridades políticas do actual mandato do CdR 2020-2025 e o programa de traballo da Comisión Europea para 2023, NAT terá como máxima prioridade traballar para que as rexións e municipios europeos estean mellor preparados para afrontar as diferentes crises, mediante un enfoque europeo coherente, integrado e local.

Neste debate, Galicia solicitou a inclusión da pesca e os asuntos marítimos no programa de traballo de NAT en vista de que a Comisión Europea debe presentar, antes de finais de ano, un informe ao Parlamento Europeo e ao Consello sobre o funcionamento da actual política pesqueira común e sobre como debería reforzarse a súa aplicación nos Estados membros. A Xunta de Galicia conta cunha posición consensuada co sector neste debate polo que propón agora que o CdR reaccione ao futuro informe da Comisión Europea elaborando un ditame de opinión. 

Jesús Gamallo advertiu da necesidade de revisar a Política Pesqueira Común (PPC), atendendo ao regulamento de execución da Comisión Europea, adoptado en setembro, que introduce a prohibición da pesca de fondo en 87 zonas das augas atlánticas da UE e que afecta negativamente ao sector pesqueiro galego. “Esta normativa está a ser moi criticada por non ter en conta os datos científicos máis precisos e recentes”, salientou Jesús Gamallo, quen cualificou este regulamento como “un dos signos do mal funcionamento da PPC”. Gamallo avogou tamén por unha PPC que proporcione beneficios sociais e ambientais reais e tanxibles tanto para as comunidades pesqueiras como para a biodiversidade co obxectivo de que repercuta no emprego e na economía das zonas costeiras .

Informe sobre bioeconomía

Neste encontro NAT tamén se presentou o Informe sobre o desenvolvemento da estratexia sobre bioeconomía nas rexións da UE, no que Galicia aparece como unha das rexións da xeografía europea que maior porcentaxe de recursos de biomasa acuática aborda nas súas estratexias rexionais no marco da bioeconomía, entre as que se cita a Estratexia Galega de Economía Circular 19-30, o Plan Forestal de Galicia, a Estratexia Galega de Acuicultura e a Estratexia da biomasa.

No encontro tamén se presentou a Rede Europea de Biorrexións, na que participan o Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán (CIF) e a Empresa de Transformación Agraria (Grupo TRAGSA). Esta rede agrupa a diferentes organismos do ámbito da investigación e organizacións profesionis que buscan participar activamente na cooperación científica e no intercambio de ideas neste ámbito.

Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

R., 2022-11-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES