Noticias

Os obradoiros de Santiago Besteiro (Monterroso), Raíces Nómadas (Ribadeo), Verónica Moar (A Coruña) e Laura Delgado (Cambre) compiten como finalistas do Premio Artesanía de Galicia 2022

O xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2022, presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, decidiu nomear catro finalistas da categoría principal da edición deste ano. Así, resultaron finalistas do Premio Artesanía de Galicia 2022 os obradoiros de coiro de Santiago Besteiro (Monterroso) e Raíces Nómadas (Ribadeo) e mais os obradoiros de cerámica Verónica Moar (A Coruña) e Laura Delgado (Cambre). Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a súa creación e fomentar o relevo xeracional no sector.


 
Os vogais que completaron o xurado foron Idoia Cuesta, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2021; Marta López, subdirectora xeral de Comercio; Manuel González Arias, membro e expresidente de Oficioyarte (Organización dos Artesáns de España) e un dos fundadores da Asociación Galega de Artesáns (AGA); Juan Adrio Fondevila, director da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela e Elena Pardo Antequera, directora da EASD Pablo Picasso – Escola de Arte e Superior de Deseño da Coruña. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.
 
Durante a súa reunión, o xurado quixo facer fincapé na dificultade do seu labor dada a elevada calidade das propostas recibidas. Despois das oportunas valoracións e análises segundo os criterios sinalados nas bases reguladoras, o xurado acordou por unanimidade nomear finalistas para o Premio Artesanía de Galicia 2022, dotado con 9000 euros, estas catro candidaturas.
 
Peza con lema Chantos, do obradoiro Santiago Besteiro Design (Monterroso, Lugo), un conxunto escultórico realizado con coiro moldeado e ratán, baseado nas pedras que tradicionalmente pechaban fincas no rural galego. Trátase de dúas formas de liñas simples e carácter arquitectónico que parecen emerxer da natureza amosando perennidade, unidade e forza.

Peza con lema Crioulo, do obradoiro Raíces Nómadas (Ribadeo, Lugo), un bolso de man elaborado en coiro con técnicas mixtas baseadas na soguería criolla e na marroquinería europea. O obxectivo é plasmar a fusión de culturas a través tanto dos materiais como das técnicas empregadas.

Peza con lema In itinere, do obradoiro Verónica Moar (A Coruña), unha proposta que lle rende homenaxe aos oficios como un dos patrimonios máis importantes da cultura popular galega, en concreto, con aqueles que implicaban o desprazamento dun lugar a outro, conservando durante anos as técnicas, os materiais, as ferramentas e o bo facer dos artesáns.

Peza con lema O mundo ao revés. Coctelería peliqueira, do obradoiro Laura Delgado (Cambre, A Coruña), unha colección de vasos de coctelería que imitan en porcelana o concepto dos vasos tiki decorados con elementos da cultura polinesia. Enlázanse co entroido tradicional da provincia de Ourense e representan os Peliqueiros de Laza, as Pantallas de Xinzo e os Felos de Maceda.
 
Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a súa creación e fomentar o relevo xeracional no sector. Como en anos anteriores, os galardóns divídense nas categorías Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto e os gañadores daranse a coñecer nun acto público que se celebrará en Santiago de Compostela durante o mes de decembro.

R., 2022-11-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES