Noticias

A Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia implantará un novo programa asistencial de seguimento para as persoas que finalizan un tratamento oncolóxico

Esta Estratexia introduce diversas novidades importantes que se van sumar as xa implantadas pola Xunta, tales como a implantación dun novo programa asistencial de seguimento para as persoas que finalizan un tratamento oncolóxico, é dicir, ter moita conta dos longos superviventes; a creación dunha rede colaborativa con atención primaria e outras especialidades para a formación en determinadas patoloxías oncolóxicas; sobre todo aquelas que requiran un diagnóstico precoz ou nas que a sospeita diagnóstica sexa complexa; ou o deseño de algoritmos que permitan identificar os factores de risco das distintas enfermidades oncolóxicas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta tarde no II Congreso de Persoas con Cancro e Familiares: “Galicia fronte ao cancro, facendo camiño”, organizado pola Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra e celebrado en Vigo. Neste evento, García Comesaña agradeceu o traballo imprescindible desta asociación a prol das persoas con cancro e das súas familias.

Así mesmo, o titular de Sanidade destacou que desde a Xunta de Galicia e desde o Sergas estase a traballar, da man dos profesionais, na constante busca da mellora da atención aos pacientes oncolóxicos. Neste sentido, subliñou a recen aprobada Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia, 2022-2028, coa que se pretende dar un salto cualitativo na abordaxe integral da atención oncolóxica.

Esta Estratexia introduce diversas novidades importantes que se van sumar as xa implantadas pola Xunta, tales como:

A implantación dun novo programa asistencial de seguimento para as persoas que finalizan un tratamento oncolóxico, é dicir, ter moita conta dos longos superviventes.

A creación dunha rede colaborativa con atención primaria e outras especialidades para a formación en determinadas patoloxías oncolóxicas; sobre todo aquelas que requiran un diagnóstico precoz ou nas que a sospeita diagnóstica sexa complexa.

Ou o deseño de algoritmos que, utilizando a historia clínica electrónica e o Big Data da Consellería de Sanidade, permitan identificar os factores de risco das distintas enfermidades oncolóxicas, establecer perfís de antecedentes e predisposición á enfermidade, e identificar as persoas sobre as que actuar, facilitando a proactividade.
 
Avances fronte ao cancro en Galicia

Xunto a estas novidades, o conselleiro de Sanidade fixo un repaso polas distintas medidas de prevención, de mellora da atención e de innovación fronte ao cancro que está levando a cabo o Goberno galego.

Deste xeito, García Comesaña destacou, no eido da prevención, os Programas poboacionais de cribado, que contarán cun aumento do 70% no orzamento do ano que vén, e que neste momento son tres: o cribado de cancro de mama, estendido ao 100% da poboación diana e cunha taxa de participación do 82%. O programa de cribado de cancro colorrectal, que se implantou en 2013 e que dende esa data ata 2020 xa contou ca participación de máis de medio millón de galegos. E, en terceiro lugar, o programa de detección precoz do cancro de cérvix, que xa temos implantando nas áreas sanitarias de Lugo, Ferrol e Pontevedra e que no 2023 contará co orzamento para estendelo a toda Galicia.

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria fixo mención ás melloras en atención oncolóxica. Dende a creación das vías rápidas, pasando pola implantación do sistema de garantía de tempos máximos, que garante a atención entre os 45 días para un diagnóstico; e os 60 días para unha intervención, ou a humanización das áreas de atención oncolóxica. Destacou tamén as melloras en equipamento, como a adquisición dos novos TAC con tecnoloxía espectral, que reducen as doses de radiación nun 50% sen perder calidade de imaxe, ou os robots Da Vinci, que supoñen un avance para profesionais e pacientes.

Por último, o titular de Sanidade incidiu na esperanza que proporciona o descubrimento de novos tratamentos contra o cancro. Un ámbito onde a Xunta quere situar a Galicia na vangarda, e nos que xa ten previstos dous proxectos que serán un antes e un despois no eido oncolóxico.

Un primeiro é un centro de fabricación de terapias avanzadas (CAR-T) para elaborar novos fármacos innovadores contra o cancro e fomentar a atención personalizada dos pacientes. Unha obra que está en construción e que se prevé que empece a funcionar xa no 2023. E, un segundo proxecto, que ten como finalidade a incorporación á sanidade pública galega dun centro de Protonterapia, unha técnica moito menos invasiva de loita contra os tumores, que permite aplicar radiación ás células canceríxenas sen practicamente afectar os tecidos e órganos sans. A día de hoxe só dous hospitais privados en España ofrecen este tratamento, polo que o Goberno galego está traballando para que Galicia sexa pioneira en ofrecelo a pacientes da sanidade pública. Neste senso, o edificio que albergará este centro en Galicia xa conta cunha partida asignada nos orzamentos do ano que vén.

R., 2022-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES