
Así, en relación coas precipitacións rexistradas, na xuntanza de hoxe constatouse unha melloría da situación que permite desactivar a declaración estado de seca prolongada no sistema da Mariña luguesa e na zona de Ortegal e Cedeira, que pasan a situación de completa normalidade.
No resto dos sistemas de Galicia-Costa mantense a seca prolongada, á espera da consolidación dos bos indicadores favorables.
En relación coas reservas de auga dispoñibles de abastecemento, na xuntanza constatouse tamén que nestas últimas semanas os ríos experimentaron picos de caudal moi importantes, tal como amosan o sistema do río Grande, ría de Camariñas e costa da Coruña e o sistema do río Anllóns, onde se pasou rapidamente a niveis de normalidade.
Tamén rexistran actualmente niveis de normalidade os sistemas do río Verdugo e ría de Vigo e ría de Baiona; o do río Tambre, a ría de Muros e Noia; e o sistema da costa de Pontevedra.
No encontro constatouse o incremento de caudal rexistrado no sistema do río Lérez e da ría de Pontevedra, pois tras un descenso importante, na 2ª quincena de outubro rexistrouse unha mellora considerable dos indicadores, cun valor xa próximo á saída de escenario de seca prolongada.
O único sistema no que se produciu unha recuperación aínda insuficiente polo de agora para saír do escenario de prealerta por escaseza é o do río Mero, Arteixo e ría da Coruña.
No que se refire á auga embalsada, o nivel actual dos encoros de abastecemento da demarcación Galicia-Costa, de competencia da Xunta, sitúase no 65,2%, cunha ocupación só un pouco inferior á rexistrada no mesmo período do ano anterior, cando os encoros estaban ao 70,82%.
O encoro de Eiras sitúase ao 80% da súa capacidade, acadando a cota de resgardo.
Os encoros de Zamáns está ao 64,5% e o de Baiona a case o 94%, sendo estes dous últimos encoros os que abastecen aos concellos de Nigrán e de Baiona, ademais de a unha parte do concello de Vigo. Ante estes indicadores, a Oficina Técnica da Seca rebaixaou o nivel nestes sistemas, pasando das medidas equivalentes a un nivel de alerta polas correspondentes a un nivel de prealerta por escaseza.
Porén, o encoro de Cecebre segue en valores baixos para esta época do ano, xa que se atopa ao 51%. Este encoro está situado no sistema do río Mero, polo que neste caso manterase o nivel de prealerta por escaseza.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.