Noticias

O desemprego en Galicia cae por primeira vez en toda a serie histórica nun outubro na comparativa mensual

O desemprego en Galicia baixou por primeira vez de toda a serie histórica (1996) nun mes de outubro con respecto ao mes anterior (setembro). Así, na comparativa mensual, o paro descendeu nun 0,27%, unha baixada que ten lugar en todos os sectores de actividade. Galicia é unha das dez comunidades autónomas onde cae o paro este mes. Na comparativa anual, con respecto a outubro de 2021, o paro tamén descendeu, nun -6,70% e caeu nas principais variables: nas catro provincias e nas sete cidades galegas e, ao igual que na comparativa mensual, en todos os sectores económicos. Con respecto a hai un ano, lidera a baixada o sector primario (-12,73%) seguido da industria (-12,28%), da construción (-8,35%) e dos servizos (-5,68%).

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que o número actual de persoas sen emprego -143.720- é o máis baixo nun mes de outubro de toda a serie histórica (1996). Así, sinalou que as cifras reflicten que “seguimos na senda da baixada continuada do paro en Galicia”.

Por colectivos prioritarios, diminúe especialmente entre os menores de 30 anos (-12,59%), os parados de longa duración (-11,70%) e das mulleres (-6,84%). A cifra de parados menores de 30 anos (16.631) e de mulleres (84.208) son as máis baixas de toda a serie histórica (maio 2005) nun outubro.

En canto ás afiliacións, crecen con respecto a outubro de 2021 nun 1,55%, é dicir, Galicia conta con 16.049 persoas máis afiliadas á Seguridade Social. A cifra total -1.048.700- sitúase a un nivel superior ao reflectido hai 13 anos (outubro 2009: 1.032.036).

En palabras de Lorenzana, a Xunta continúa traballando para xerar emprego de calidade e para que a poboación activa continúe crecendo, salientando a importancia de seguir incidindo na formación á carta para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial.

Orzamentos 2023

Ao respecto, puxo en valor diferentes programas que se inclúen nos orzamentos de 2023 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade como son, entre outros, o Plan Retorna Cualifica (4,5 millóns) para a través da formación profesional favorecer a volta e retención do talento de galegas e galegos emigrados; ou os 57 millóns de euros que as contas destinarán o próximo ano ás persoas traballadoras autónomas, un colectivo que poderá optar ás novas axudas directas do programa Impacto Autónomo (30 millóns), deseñado ad hoc para poder facer fronte e minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e enerxéticos.

Lorenzana sinalou, así mesmo, que o vindeiro exercicio ofreceranse microformacións, pequenas cualificacións á carta das necesidades que teñen as empresas “para avanzar no cruce entre a oferta e a demanda”, subliñou. Trátase dunha medida recomendada pola UE que Galicia ofrecerá por primeira vez a nivel nacional.

Todos estes programas inclúense nos orzamentos de Promoción do Emprego e Igualdade para 2023, que crecen cun 13,5% máis de investimento, ata acadar os 432M€, para seguir, en materia laboral, executando a nova estratexia de emprego, Xempre Contigo, coa que se está a centrar no centro das políticas ás persoas e aos sectores e empresas con maiores dificultades.

R., 2022-11-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES