Noticias

Ábrese este mércores 2 de novembro o prazo para descargar o Bono Cultura

O mércores 2 de novembro abre o prazo para descargar o Bono Cultura da Xunta, o programa de descontos do 50% na compra de produtos ou utilización de servizos culturais ao que o Goberno autonómico dá continuidade este ano para favorecer o fortalecemento do sector e axudar a particulares e negocios no contexto económico de suba de prezos. Poderá facerse con el calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a través da web bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR.

Os bonos teñen un valor de 50€ por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran. As súas compras terán un desconto do 50% ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían con respecto á edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo...), salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

Prazo para empresas

Xa están adheridas preto de 400 empresas do sector, unha cifra que poderá seguir medrando xa que o prazo para que os negocios se sumen continúa aberto ata o 14 de novembro. As entidades poden consultarse tamén en bonocultura.gal.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e universidades destina 1M€ ao Bono Cultura 2022 coa intención de mobilizar 2M€. Esta é unha das moitas medidas que a Xunta pon en marcha este ano para impulsar o sector cultural. O vindeiro ano destinará 104 millóns de euros á Cultura, un 8,5% máis que o ano pasado.

R., 2022-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES